Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Xoán Carlos Domínguez Alberte

"En primeira persoa"

15/04/2019

"


O 28 de xuño de 1979 un Seat 600 interpúxose no meu camiño en Vigo. Ou quizais fose aquel garuleiro rapaz cheo de vida, de doce anos, quen, de volta dun día de praia, en fronte mesmo do antigo hotel Samil, saíse ao seu encontro.

Fose como for, o certo é que o impacto daquel vehículo, a unha velocidade estimada de 80 Km/h contra a miña cabeza —disto conservo, coma vella marca de guerra, unha cicatriz a rentes da orella dereita— provocoume, entre outras secuelas, diversos traumatismos cranioencefálicos e coágulos cerebrais. Consecuencias? A total incerteza da evolución, dúas semanas inconsciente; aprendizaxe de antigos hábitos, como volver camiñar; revisións periódicas, encefalogramas incluídos, ata, polo menos, os dezanove anos.

Lendo, na páxina da FEGADACE, as necesidades do colectivo, lembrei unha realidade ben certa, que experimentei en propia carne: non hai persoas, si hai familias, con DCA.

Decátome agora, a propósito desta gabábel federación, que, transcorridos xa corenta anos daquel accidente do que saín airoso, e logo de ter un bo feixe de páxinas publicadas, nunca escribira nin unha liña deste feito. E isto malia a transcendencia que, como vos decataredes, tivo na miña vida.

El será, acaso, que procuramos borrar da nosa memoria aquilo que consideramos máis traumático? Coma, neste caso, o traumatismo.

Mais abonda unha pequena faísca para revivir aqueles feitos. E, dende logo, para valorar o inmenso traballo que estes colectivos de apoio lles prestan ás familias.

Como entrañábel anécdota de remate véñenme á lembranza as palabras da miña nai. Quen cargou co sufrimento e logo co gozo da recuperación do seu único fillo. Cando, xa pasados os anos, era coñecedora dalgunha conduta non todo o responsábel que ela quixese por parte da súa descendencia, decontado lle apuña unha curiosa interpretación: E será, meu fillo, que aínda non recuperaches de todo a consciencia?

Para todas e todos vós, o meu recoñecemento polo impagábel labor que realizades.


"

Arquivado en:
Colaboradores/as