Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Antía Fernández

"Olga coñeceu o DCA pero non o viviu"

15/04/2019

"


Chamábase Olga, tiña uns 60 anos, unha gran formación académica e moitísima formación informal, autodidacta mesmo, era unha cabeza de fórmula un, desas que non paran, que son hiperactivas. Matriculouse nun ciclo superior de FP de Integración Social, levábase coas máis novas da clase coma se ela fose unha máis, e coidaba de cada compañeira e compañeiro con moito mimo.

Acudiu o xoves ás xornadas de interculturalidade de Ecos Do Sur en Arteixo, estivo moi activa e participativa, despediuse de todas ao acabar e foise para casa. Traballou nunhas tarefas para o instituto e durmiu. Ao día seguinte foi ao traballo, era perito de construcións, apaixonáballe a arquitectura pero o que máis desexaba era construír unha sociedade igualitaria, xusta e equitativa, era unha gran loitadora social. E socialista.

Durante o sábado preparouse para ir ao día seguinte a Santiago de Compostela a uns actos reivindicativos convocados por plataformas feministas, o seu compromiso levouna a fundar o Observatorio de Igualdade facía moitos anos xa, e por méritos propios aínda era a directora do mesmo. Ninguén era indiferente á súa enerxía irresistible. A tarde do domingo tivo un ACV e ingresou no CHUS por URXENCIAS, xa quedou alí. Tiña unha hemorraxia intracraneal, na base do cerebro, por riba do cerebelo. Era inoperable. Coidárona na UCI e chegou a espertar pouco despois, pero só para despedirse. Recaeu e de planta volveu á UCI, onde se foi.

Olga coñeceu o DCA durante uns instantes pero non o viviu, quizais era un dano excesivo, incompatible coa vida, ou quizais lle daba medo recordarse como era e verse como podía empezar a ser. Por iso é importante dar a coñecer o DCA en todas as etapas da vida, a todas as persoas, para concienciar e sensibilizar.

Porque é algo que non sabes se che vai tocar, mellor coñecelo antes.



En memoria de Olga Patiño Doval


"

Arquivado en:
Colaboradores/as