Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

María J. Novo

"Volvendo a coñecerse"

02/04/2019

"


Pasaran xa oito meses dende que Bieito acompañara a Sabela ao aeroporto, e nese tempo, cambiaran moito as cousas. O accidente virara o rumbo da súa vida, sen embargo Bieito estaba reconducindo a traxectoria con moito esforzo e con moita rehabilitación. Melloraba día a día axudado polos folgos dos seus pais e dos seus amigos. Mais agora tiña medo… E se Sabela non o aceptaba?

Disque Sabela chegara o luns, pero el non contestara ás súas chamadas ata a véspera. Sabía que non podía agocharse toda a vida, así que pese a todo, quedaron no café no que se atoparan por primeira vez.

O sol de marzo, aló no alto do ceo, quentaba os corpos na terra ávidos de bo tempo.

—“Aquí coñecémonos, e hoxe imos facelo por segunda vez. Vai ver ao novo Bieito” —sorriu el cun aceno de tristura.

A Bieito latexáballe forte o corazón. Precisaba da aceptación de Sabela pero tiña que estar preparado para calquera resposta.

Tan pronto como a viu entrar polo limiar da porta apretou o pantalón coas mans suorentas. Ela sorría.  Achegouse a paso miúdo e deulle un bico nas meixelas. Bieito non se moveu, tan só alongou a man dereita con certa dificultade, e non foi quen de dicir nada. Ela apertoulle a man e percibiu a falta de forza nela.

—Boteite moito en falta —díxolle mirándoo aos ollos.

Sabela tiña a faciana acesa coma unha adolescente namorada. 

—Eu tamén —dixo el coas bágoas a piques de correr polas fazulas.

Catro sinxelas palabras foron suficientes para tirar abaixo unha morea de medos.


"

Arquivado en:
Colaboradores/as