Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Helena Gómez Vecino

"Inconsciente da gravidade porque non podía concibila"

29/03/2019

"


Un aceno que semellaba o antigo sorriso asomaba á súa faciana cando miraba cara nós, fillas e netas. Xamais unha queixa agás un "dóeme o cuíño" polo excesivo tempo sentada, ben na cadeira de rodas ou ben no seu sillón favorito.



Miraba a televisión; fitaba os ollos no plasma mais eu sempre dubidei de que seguira o devir da película.



Polas mañás asistía ás terapias no Centro de Dano Cerebral e desfrutaba cando a súa coidadora lle poñía un colar, uns pendentes, e lle tendía o espello que reflectía a súa perdida beleza de muller forte, independente, culta e sumamente xenerosa. Todo iso permanecía nos seus ollos cansos e non cesou ate o seu pasamento.



Fora profesora de Secundaria. A lingua era a súa paixón. O primeiro ictus afectoulle á fala mais ela procuraba sinónimos que confundían aos doutores, motivo de chanza para ela mesma, inconsciente da gravidade porque non podía concibila, non quería nunca estar enferma. Afouteza de muller que pasara polos trances de ver morrer ao seu home a unha idade temperá e a súa nai adorada e cómplice de tantas e tantas cousas...



Axiña chegou o ictus perverso paralizándolle todo o lado esquerdo e condenándoa a non camiñar nunca máis. Aínda así, non deixou de facer algunha viaxe: un Nadal nunha casa de turismo rural aló pola Castela arroupada por irmáns e sobriños. Ela era o eixo que xunguía a todos ocupando o lugar da falecida avoa. Era "a tiona", todos fachendosos dela aínda que fora sedente. Pasou outro Nadal co seu irmán maior e toda a familia...o derradeiro. Mais sempre valerosa e apuntándose a todo ate que foi vencida polo seu propio cerebro.



Faciamos falcatruadas ela e mais eu: comer un xeado de turrón que tanto lle prestou sempre.



-"Mamá, que chee levo hoxe?



-pastel"



e desfrutábao coma unha nena a quen agasallan coa boneca soñada.



Lembraba Caión, principio da Costa da Morte onde pasamos con ela os mellores veráns da nosas vidas: unha casa alugada na que foi feliz. Paseos á beira da praia, avistamento de golfiños ao solpor. Ogallá mamá que a túa mente fixera unha anámnese daqueles intres divertidos cada vez que ficabas en silencio cos ollos pechados.


"

Arquivado en:
Socios/as