Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Toño Núñez

"Dúbidas"

15/04/2019

"


A avoa sempre me di que Deus é marabilloso, que é o Creador. E o papá sempre desfacendo da avoa:

-Non fagas caso, Nena, eses sonche contos de vellas.

-E, logo, quen creou o mundo, papá?

-Ai… iso non cho sei, miña filla; iso non cho saben nin os sabios, para canto máis eu, que só sei ir ao peixe...

-Pois a avoa dime que temos que ser coma Deus…

-Segundo a avoa, Deus creou a natureza, os animais, as persoas…

-Si.

-Logo, foi ben inxusto…

-Como dis iso, papá? Por que?

-A ti paréceche ben que haxa nenas ou nenos que nazan sen poder camiñar, ou falar, ver, oír… ou moi enfermos? Nenas ou nenos que nacen en palacios e outros en chabolas? Nenas ou nenos moi intelixentes, ou moi fermosos, e outros coas capacidades físicas ou psíquicas moi diminuídas? Paréceche xusto, Nena?

-Iso non…

-Paréceche xusto que haxa nenas ou nenos que non coñecen a seus pais, nenas ou nenos que morren nas guerras ou a consecuencia de enfermidades que se poderían curar cunha vacina moi barata?

-Non, iso non…

-Paréceche ben que haxa países en que as persoas tiran a comida ao lixo e outros nos que as persoas morren coa fame?

-Non, papá, como me vai parecer ben iso?

-Pois dille á avoa que se Deus creou un mundo tan inxusto, non debía ser tan bo…

-Pero a avoa di que iso é culpa dos homes…

-Pitas serán, pero úleme a can…

-Boh… que queres dicir, papá?

-Que non entendo moi ben como todas as cousas boas son obra de Deus e as malas son culpa das persoas…

-Será porque son malas…

-A ti paréceche que a mamá era mala e que lle deu o ictus por iso?

-Non, papá, a mamá era moi boa…


"

Arquivado en:
Colaboradores/as