Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Lito Vila Baleato

"Ir gañando"

15/04/2019

"


Subido naquel podio de campión olímpico, cando os flashes dos periodistas e o balbordo do pavillón facían practicamente imposible pensar en nada, a súa cabeciña volveuse comportar dun xeito inusual e levouno de vez cos seus pensamentos moi lonxe daquel momento e daquel lugar.

O seu maxín lembrou a imaxe do seu propio corpo deitado nunha cama de hospital, onde ouvía, aínda que non vía, a familiares e amigos que se achegaban a aquel cuarto para acompañar á súa nai nun intre tan duro.

Sen poder dicir nada, Teo escoitaba unha e outra vez aquelas remoentes frases sobre o coitado no que se viña de converter aos ollos dos benintencionados visitantes: “que mágoa, un rapaz tan activo e tan forte”, “non sabemos valorar a saúde ata que a perdemos”,  “non hai cartos no mundo para evitar estas desgrazas”...

Alí deitado, ausente, pero dalgún xeito consciente de todo, sabía que a súa nai nunca fora amiga de laiarse, senón de loitar perante as adversidades. Os dous escoitaban ideas que todo o mundo sabía, pero que só se adoitaban dicir cando xa era demasiado tarde; palabras que case todos habían esquecer de contado así que deixaran atrás as portas daquel hospital.

Teo tardara en afacerse ao novo Teo. Pero nunca deixara de loitar. O deporte fora a boia da que se prendera e da que xa non se soltou. Primeiro o campionato de clubes, despois a convocatoria coa selección nacional. E agora aqueles Xogos Paralímpicos, gañando partido tras partido ata chegar á final.

Para Teo os verbos “perder” e “gañar” deixaran de ser antónimos había tempo, enchéndose de matices, pero coa medalla sobre o peito, lembrou a frase daquel adestrador que dicía que as finais non están para xogalas, senón para gañalas.

Un reporteiro, cámara en man, fíxolle un aceno para que collese a presea e a mordese.

Naquel instante, e coa medalla entre os dentes, volveulle o sabor do metal do chasis do seu coche naquel fatídico accidente de tráfico que lle cambiara a vida para sempre.

Con ese gusto na boca, Teo soubo que o partido aínda non rematara.

Pero tamén sabía que, polo de agora, ía gañando; e sorríu para a foto.


"

Arquivado en:
Colaboradores/as