Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Manuel Esteban

"Na metade da escaleira"

02/04/2019

"


A maior parte do tempo albiscamos o futuro coa sensación de que podemos furar coa nosa curta vista o mesto foxo de néboa que é o porvir. Imaxinamos con arrogancia como será a semana que vén, o mes que vén ou o ano que vén. Ata que chega a sorpresa, o estupor, o lóstrego inesperado, e volvemos tomar conciencia da miraxe de solidez vítrea da que estamos feitos.

Iso é o que ocorre cando chega o accidente, o ictus, ou a «longa enfermidade» de nome prohibido: o espellismo esnaquízase en mil anacos ao contemplar o proxecto vital esborrallado no chan. Nun instante un pensa que lle foi amputado o futuro. E comeza o duro e inútil proceso de buscar culpables. Ata que aprendemos, de novo, que a vida non é xusta nin inxusta. Que ser vexetariano non é garantía de non ser devorado polo tigre. Nese intre comezamos, de verdade, a renacer.

Porque entendemos que, cando a vida desbarata por sorpresa os nosos plans, ou o noso corpo, non amputa «o futuro», senón un dos moitos futuros posibles. Tantos como chanzos, que un pode decidir baixar ou subir. Porque, no fondo, sempre, todos estamos e nacemos igual: na metade dunha escaleira.


"

Arquivado en:
Colaboradores/as