Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Pablo Nogueira Campo

"Notas"

02/04/2019

"


As notas sucedíanseme na cabeza talmente coma un intenso trebón, pero os meus dedos non respondían para satisfacer os impulsos sonoros que de xeito indómito, se amoreaban no meu maxín. Unha negra con puntiño no Re, unha semicorchea no Mi bemol e un silencio de branca. O compás na medida non semellaba demasiado complexo. Pero nada... non había xeito ningún. A frustración pousábase nos meus músculos a xeito de pesada lousa e o demo a rir, dentro da miña alma apesarada.

Non daba creto, quizais o que máis me gustaba de canto había non podía facelo. Non era quen de premer nas teclas e que bulise aquel máxico son que me facía rebulir a alma e acalmaba o meu entendemento. Todo por mor do maldito golpe que crebou a miña vida pola metade e afectou ao meu cerebro. Non ser quen de conectar as ordes que envía o meu cerebro coa miña man esquerda, entumece o meu ánimo dun xeito incontestable. Ogallá puidese volver facelo. Nada me gustaría máis que volver desprender melodías das teclas do meu vello piano e agarimar os oídos coa suavidade doce da música. Suxeito unha man coa outra para poder dirixir aos dedos cara o seu obxectivo final e pulsar a nota na súa medida temporal e altura exacta, pero non hai modo ningún.

Unha amiga agasalloume cun deses trebellos que disque son táctiles e cos que podes facer unha chea de cousas. Díxome que había unha “aplicación” para tocar o piano, na que podería empregar unicamente unha man. Só tiven que colocar as notas no seu lugar dentro dos catro espazos que bosquexan o pentagrama. Coma pura maxia, a música volveu aloumiñar o meu corazón e os sons rebuldeiros que me buligan no maxín, agora convertéronse en sons de verdade. Grazas.


"

Arquivado en:
Colaboradores/as