Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Información legal

A irrupción do dano cerebral na vida da persoa e da famila xera novas situacións tamén a nivel legal. Ao mesmo tempo que existen axudas económicas e recursos protección social tanto para a familia como para a persoa con dano cerebral, cómpre coñecer a fondo as incompatibilidades que poden xerar e tomar decisións de maneira consciente e informada:

Lei de Dependencia

A Lei 39/2006, de 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia crea o actual Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, que é o conxunto de servizos e prestacións destinados á promoción da autonomía persoal, así como á protección e atención ás persoas, a través de servizos públicos e privados concertados.

Recoñecemento do grao de Discapacidade

Documento que acredita a discapacidade das persoas. As pautas de valoración fundaméntanse sobre todo nos efectos para a capacidade de realizar as actividades básicas da vida diaria.

Este recoñecemento efectúase a través dos Equipos de valoración e orientación (EVO) dependentes das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

Se alcanzan unha porcentaxe igual ou superior ao 33% poden acceder a unha serie de beneficios: fiscais, laborais, económicos, educativos, sociais, entre outros.

Modificación da capacidade de obrar

O dano cerebral adquirido pode ocasionar un déficit cognitivo, de maior ou menor entidade. Isto pode traducirse en que a persoa non teña capacidade para tomar decisións importantes por si mesma. Decisións que poden afectar á súa esfera persoal ou económica. Por iso, existen as figuras legais de tutela e curatela. Son mecanismos de protección e asistencia para a toma das devanditas decisións.

A tutela é a forma de apoio máis intensa, ten unha finalidade de representación en todos os aspectos da persoa afectada, excepto algúns actos denominados personalísimos.

A curatela distínguese da tutela en ter unha finalidade de asistencia para actos concretos establecidos na sentenza de incapacitación; son actos de natureza patrimonial.

Tanto a tutela como a curatela esixen que sexan declaradas por un xuíz a través dun procedemento establecido pola lei.

Instrucións previas

Mediante o documento de instrucións previas unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e tratamentos que podería precisar no futuro e o destino final do seu corpo, co fin de que esta sexa respectada no momento en que por determinadas circunstancias non poida expresala persoalmente.

Patrimonio protexido

A Lei 41/2003 regula os patrimonios protexidos das persoas con discapacidade. Ten como obxectivo favorecer a constitución destes fondos patrimoniais vinculados á satisfacción das necesidades vitais das persoas con discapacidade.

Compatibilidade pensión / emprego

Existen traballos compatibles co cobro dunha pensión; estas situacións están reguladas pola Seguridade Social.

 

Hai máis referencias sobre ordenamento xurídico no apartado Normas e leis.