Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 25/06/2021 | Trail e andaina solidaria 'Camiñando polo dano cerebral'

Inscrición aberta no Trail e andaina solidaria 'Camiñando polo dano cerebral'

Incluída na lista oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA), tamén permite colaborar co Dorsal 0.

25/06/2021 | Ourense

A inscrición no Trail e andaina solidaria 'Camiñando polo dano cerebral' está aberta en Carreiras Galegas, a web do departamento de carreiras populares oficiais da Federación Galega de Atletismo. Esta é unha das entidades e institucións que colaboran con FEGADACE na organización do evento solidario, que vai ter lugar en Ourense o domingo 12 de setembro.

Esta actividade enmárcase no proxecto de prevención sobre o dano cerebral 'Camiñando polo dano cerebral', que aproveita as sinerxías establecidas co Xacobeo 21-22 e a Xunta de Galicia para sensibilizar sobre as causas do dano cerebral co obxectivo de reducir o seu impacto e rebaixar a incidencia desta discapacidade.

Na mesma carreirasgalegas.com pódese consultar a ficha técnica, a ruta do trail, a ruta da andaina, descargar o regulamento e acceder ao protocolo COVID-19 xunto coa correspondente declaración responsable. A cota solidaria de inscrición é de 10 euros no trail e 5 euros na andaina. Tamén está dispoñible un Dorsal 0. O prazo para anotarse finaliza o 7 de setembro.

FEGADACE quixo favorecer a participación de todas as persoas interesadas cun trail de 14 quilómetros, e tamén cunha andaina máis curta, de 8,5, para que cada quen poida modular en función da súa capacidade física. Ademais, para aquelas persoas con mobilidade reducida que non poidan asumir calquera dos percorridos ao completo, está dispoñible o tramo final, de 400 metros e totalmente accesible, libre de inscrición.

Tanto a saída como a meta localízanse na Pista de Atletismo do Campus de Ourense, e o percorrido levará ás persoas participantes por sendeiros e camiños da cidade e do veciño concello de O Pereiro de Aguiar.

FEGADACE conta para esta actividade coa implicación e participación das súas cinco asociacións: ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer, cunha maior implicación por ser a entidade que comparte sede co trail e andaina, e Sarela. Ademais do Xacobeo 21-22 e a Xunta de Galicia, colaboran en diferente medida coa organización do evento Gadis, Eroski, a Federación Galega de Atletismo, o Concello de Ourense, o Consello Municipal de Deportes de Ourense, Inorde Turismo de Ourense e RunManiak.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Prevención
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)