Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 16/09/2022 | Camiseta conmemorativa da Carreira e Andaina

Máis de 300 persoas participan este domingo en Santiago na Carreira #PoloDanoCerebral

Entregan os trofeos, ás 10:45, Xosé Sánchez Bugallo, Fernando González Abeijón e Ildefonso de la Campa.

16/09/2022 | Santiago

Un total de 322 persoas van participar, este domingo en Santiago de Compostela, na Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando Polo Dano Cerebral’: 181 delas están inscritas nas diferentes categorías da carreira, que sairán desde as 10:00 h, e 141 van asistir á andaina, que percorrerá o circuíto desde as 11:00 h.
 
A Carreira e Andaina Solidaria está organizada por FEGADACE cos obxectivos de sensibilizar sobre a situación do colectivo do dano cerebral, visibilizar ás persoas con esta discapacidade, promocionar uns hábitos de vida saudable e realizar unha recadación solidaria para a continuación das actividades deportivas #PoloDanoCerebral.
 
O punto de saída e meta é o monumento a Manuel Ventura Figueroa (Avenida Antonio Raimundo Ibáñez, Campus Sur), e o percorrido vai consistir nun circuíto pola Alameda e o Campus Sur compostelán.
 
A categoría absoluta da carreira, con máis de 100 participantes, sairá ás 10:00. A partir de aproximadamente as 10:45 está previsto que se celebre a entrega de trofeos, que van realizar, na compaña do presidente de FEGADACE, Luciano Fernández Pintor, representantes das diferentes entidades que apoian esta iniciativa: o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o director xeral de Discapacidade da Consellería de Política Social e Xuventude, Fernando González Abeijón; e o director do S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa.
 
A continuación, ás 11:00, sairá a andaina, percorrendo o mesmo circuíto, de 5 quilómetros, realizado polos corredores e corredoras.
 
Ademais, ás 11:10 será a quenda das categorías sub 12 e sub 10, que realizarán un percorrido adaptado, de 500 metros. As nenas e nenos sub 8 correrán 250 metros; a súa saída será ás 11:20. Por último, a categoría chupete (menores de cinco anos) ten previsto comezar a correr ás 11:25; farano ao longo de 100 metros.
 
Todas as persoas participantes van recibir un agasallo. As maiores de 8 anos levarán unha camiseta conmemorativa; para as menores FEGADACE vai estrear en primicia o libro de Os Bolechas ‘Mireia conta que é o dano cerebral adquirido’, recentemente elaborado por Pepe Carreiro en colaboración con FEGADACE. Todas as persoas inscritas teñen tamén dereito a avituallamento líquido e sólido.
 
Dorsais e regulamento
 
A recollida de dorsais vaise realizar na Clínica Médica E-Saúde (Rúa Alfredo Brañas, 27 - Santiago de Compostela) o sábado 17 de setembro en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
 
De xeito excepcional, permitirase a recollida dos dorsais na secretaría da competición situada na zona de meta/saída o mesmo día da carreira, entre as 9:15 e as 9:45 horas. Toda a información técnica está recollida no regulamento da proba.
 
Ademais, para as persoas que queiran realizar unha achega solidaria e non poidan participar, a organización habilitou un Dorsal 0 no que aínda se poden realizar contribucións.
 
Actividade deportiva e solidaria
 
FEGADACE colabora na organización coa Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e o Centro Encuentra tu Potencial, e conta co apoio da Federación Galega de Atletismo, do Concello de Santiago de Compostela, do Xacobeo 21-22 e da Consellería de Política Social e Xuventude. Ademais, máis de dúas ducias de empresas e entidades patrocinan e/ou apoian de diferentes maneiras.
 
A Federación Galega de Dano Cerebral xa organizou o ano pasado un Trail e Andaina Solidaria, e vén de realizar unha Travesía a Nado en Vilaxoán. A promoción duns hábitos de vida saudable é unha prioridade para FEGADACE, principalmente por dous motivos:
 
  1. A prevención do dano cerebral adquirido, xa que a práctica de exercicio, unha dieta equilibrada e, en definitiva, unha vida sa, axudan a evitar o ictus. Esta é a principal causa do dano cerebral, e conta entre os seus factores de risco coa obesidade, o sedentarismo, a diabetes ou o estrés.
  2. A prevención de situacións de dependencia, ou de que estas se agudicen, no caso das persoas con dano cerebral adquirido. Un bo ton físico axuda a manter a autonomía persoal e reforzar a autoestima.
 
Segue toda a información en #PoloDanoCerebral!
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Prevención
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)