Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 25/08/2020 | Fragmento do cartaz da mostra

A mostra de fotografías 'Punto e Seguido' chega en setembro a Monterroso

A exposición sobre o dano cerebral estará no Centro Penitenciario lucense do 14 ao 30 do vindeiro mes.

25/08/2020 | Monterroso

A mostra de fotografías ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’, desenvolvida pola Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e as súas asociacións, e que pretende achegar o día a día desta discapacidade, reinicia a súa andaina pola comunidade galega. Durante o mes de setembro a exposición viaxará ata Monterroso para instalarse no Centro Penitenciario da localidade lucense. Esta selección de imaxes estará situada na entrada do centro desde o día 14 ao 30 do próximo mes.

Proxecto 'Punto e seguido'

A colección de fotografías, un total de 37 realizadas nas cinco asociacións galegas de dano cerebral, é obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga. As persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, son as protagonistas desta mostra, que amosa a súa vida cotiá, as actividades que desenvolven, os momentos de descanso, a convivencia... En definitiva, a súa vida despois do “punto e seguido” que supón un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas desta discapacidade.

Ademais de fotografías, FEGADACE elaborou unha serie de curtametraxes para acompañar esta exposición, que amosan diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das asociacións. Unha peza principal e seis videos máis pequenos que crean un retrato da complexidade das secuelas desta discapacidade: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.

A organización desta exposición conta coa colaboración do Centro Penitenciario de Monterroso e coa financiación da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

Percorrido da exposición

'Punto e seguido' puido verse con anterioridade neste 2020 nas cidades de Ourense, A Coruña e Pontevedra. Debido á situación sanitaria pola COVID19, tiveron que aprazarse mostras en Santiago, Ferrol e Monforte de Lemos que intentarán retomarse nos vindeiros meses.

Así mesmo, desde o mes de abril a colección de imaxes pode visitarse de maneira online a través da plataforma PeopleArtFactory.

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)