Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Daño Cerebral App | 29/10/2020 | Daño Cerebral App

Nace Daño Cerebral App, unha aplicación para buscar recursos de atención ao DCA

Desenvolvida por Fundación Gmp, Fundación Mapfre, FEDACE, Fundación Polibea e a consultora MO2O.

29/10/2020 | Online

Desde o 26 de outubro, coincidindo co Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, está dispoñible nas plataformas de distribución dixitais Google Play e Apple Store, de xeito totalmente gratuíto, a aplicación Dano Cerebral App, a primeira ferramenta dixital para Android e iOS deseñada para facilitar os trámites e a procura de recursos existentes para persoas con dano cerebral adquirido, unha vez abandonan a etapa hospitalaria. A aplicación, desenvolvida por Fundación Gmp, Fundación Mapfre, FEDACE e Fundación Polibea e a consultora dixital MO2O, vén cubrir desta forma unha das grandes necesidades que teñen as persoas logo de sufrir unha lesión cerebral derivada dun accidente cerebrovascular, un traumatismo cranioencefálico, un tumor ou unha infección.

Dano Cerebral App inclúe, nunha única ferramenta, toda a información necesaria para realizar un test de diagnóstico, coñecer as axudas dispoñibles (Lei de Dependencia, Cheque Servizo...), establecer un mapa de recursos e centros de axuda, ademais de crear un rexistro de todos os trámites e estados actualizados. Todo iso, por suposto, en función dun perfil personalizado e adaptado ás necesidades reais de cada persoa usuaria en función da súa idade, sexo, patoloxía... En definitiva, a aplicación está pensada e desenvolvida co obxectivo de facer realidade a mellora das condicións de vida das persoas con Dano Cerebral Adquirido, así como das súas familias, para unha plena inclusión familiar, escolar, laboral e social.

Segundo revela o estudo 'Coñecemento do DCA na Sociedade Española', realizado en 2018 por Fundación Gmp, a empresa de estudos de mercado GfK Spain e a Plataforma Española polo Dano Cerebral Adquirido, na actualidade, un 12% dos fogares españois ten algún membro con esta discapacidade, o que se traduce en que, como mínimo, máis de 650.000 persoas están afectadas no noso país por un dano cerebral. Iso, unido a que o dano cerebral é a primeira causa de discapacidade adquirida en España, pon de relevo a importancia de que se desenvolvan ferramentas como esta aplicación.

Información extraída da páxina web de Fundación Gmp

Descarga aquí a aplicación: Dano Cerebral App

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Fases do dano cerebral > Subaguda: a rehabilitación