Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEDACE | 06/08/2019 | Martha Quezada, Isabel Caballero, Mar Barbero, Ana Cabellos, Jesús Celada e Amalia Diéguez, de esquerda a dereita.

Nove de cada dez mulleres con dano cerebral adquirido teñen algunha discapacidade

Presentación do estudo 'A situación das mulleres con DCA en España', elaborado por FEDACE.

06/08/2019 | Madrid

O 92 por cento das mulleres con Dano Cerebral Adquirido (DCA) ten algunha discapacidade para as actividades básicas da vida diaria, aínda que só o 40% solicitan a acreditación oficial. Así se desprende do estudo 'A situación das mulleres con dano cerebral adquirido en España', do Observatorio de Dano Cerebral da Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE).

Este estudo, que foi presentado o 22 de xullo na sede da Fundación CERMI Mulleres de Madrid, está financiado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.

A presentación contou coa presenza de Isabel Caballero, coordinadora de CERMI Mulleres; Amalia Diéguez, presidenta de Ateneu Castelló e vogal de CERMI Mulleres; Ana Cabellos, vicepresidenta de FEDACE; Mar Barbero, directora-xerente de FEDACE; e Martha Quezada, investigadora autora do informe. Tamén acudiu Jesús Celada, director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade.

En España hai 220.330 mulleres con DCA, que supoñen o 52,5% da poboación total afectada. Case o 82% dos casos débese a un ictus, a principal causa de morte en mulleres no noso país.

O estudo de FEDACE, realizado coa asistencia técnica de Martha Quezada, da consultoría Intersocial, pon de relevo a "especial vulnerabilidade" das mulleres con DCA, que se senten doblemente discriminadas: por ser muller e por teren discapacidade.

Así o sinalou tamén o director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade, Jesús Celada, que recoñeceu que "se unha muller sofre unha discapacidade, o alicerce da familia cae". Celada subliñou que calquera persoa pode ter DCA en calquera etapa da vida. Por iso, propuxo a todo o sector traballar xuntos para identificar as necesidades e apoios desta "discapacidade emerxente, xa que nos fai falta moito coñecemento ao seu respecto".

En primeira persoa

Amalia Diéguez, presidenta de Ateneu Castelló, ex presidenta de FEDACE e vogal de CERMI Mulleres, relatou en primeira persoa que fai 30 anos que saíu da súa casa e sufriu un ictus. "Nunca volvín. Volveu unha nai, unha esposa e unha traballadora con DCA".

A partir de aí tivo que superar as secuelas do dano cerebral, moitas veces invisibles. "Como a cadeira de rodas non entraba no meu cuarto de baño non podía bañar aos meus fillos e comezouse a cuestionar a miña capacidade para coidar dos meus fillos. O mesmo ocorreu co meu traballo. Todos me dicían que non pensase en volver pero aquí estou".

Inclusión

Os principais ámbitos de discriminación teñen que ver co emprego, o transporte e desprazamentos, as actividades de lecer e os accesos a edificios. De feito, a brecha entre mulleres e homes en canto a discriminación laboral rolda os 10 puntos porcentuais, segundo afirmou Martha Quezada.

O estudo tamén revela unha redución substancial da taxa de actividade logo da lesión. De feito, o 72,54% deste colectivo recoñece atopar dificultades extraordinarias para atopar emprego debido ao dano cerebral.

"As mulleres con DCA tenden a solicitar o certificado de discapacidade en menor proporción (40,6%), debido á súa maior idade, á menor utilidade, á falta de servizos de rehabilitación e a un menor grado de participación social", asegurou Quezada.

Elas tamén son coidadoras

O estudo apunta a que o apoio ás persoas con DCA tamén é asumido nun 80% dos casos por mulleres e teñen unha media de idade de 53 anos, oito máis que as persoas ás que prestan os coidados. Ademais, adican unha media de 10 horas ao día ao coidado do familiar con DCA, o que afecta negativamente á propia coidadora, con situacións de estrés, illamento e abandono do emprego.

*Información, imaxe e dossier recollidos da páxina web de FEDACE.

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Fases do dano cerebral > Crónica: vivir con dano cerebral adquirido