Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | | V Encontro de Profesionais de FEGADACE

Novos tempos nun mundo dixital: V Encontro de Profesionais de FEGADACE

Traballadores e traballadoras do movemento asociativo do dano cerebral reuniranse en Santiago o 23 de abril.

01/04/2022 | Santiago

A pandemia do coronavirus axilizou o proceso de dixitalización no que estaba inmerso o movemento asociativo do dano cerebral. Especialmente durante o confinamento, Federación e asociacións trasladaron ao eido online todo o volume de traballo que lles foi posible, de cara a manter os servizos e velar polo benestar das persoas e familias con dano cerebral.

Pasado o tempo, e avanzado en programas de redución da fenda dixital, chegou o momento de avaliar e diagnosticar a situación. FEGADACE traballa nun Plan de Transformación Dixital que inclúe formación, como a que se vai desenvolver na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o vindeiro 23 de abril.

O V Encontro de Profesionais do Movemento Asociativo do Dano Cerebral de Galicia nomeouse 'O dano cerebral adquirido: novos tempos nun mundo dixital', e prevé unha mañá de traballo, reflexión e aprendizaxe sobre a incorporación das tecnoloxías aos distintos campos de traballo co dano cerebral.

A xornada vai comezar cun relatorio sobre 'O poder da dixitalización e as novas tecnoloxías', que dará paso a unha segunda parte na que as persoas se dividirán en tres grupos de traballo en función dos seus perfís profesionais.

Para finalizar, servirase un xantar con 'Sobremesa científica', amenizada pola divulgadora Tamara Pazos.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)