Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Pixabay | 08/01/2020 | Accidente cerebrovascular

O accidente cerebrovascular segue a ser unha das principais causas de mortalidade

No caso das mulleres, é a segunda causa de mortalidade en Galicia e a primeira á nivel estatal.

08/01/2020 | Galicia

O Instituto Nacional de Estadística (INE) publicou o pasado mes de decembro a última enquisa de 'Defuncións segundo a causa de morte', baseada nos datos de mortalidade do ano 2018. En Galicia producíronse no ano 2018 32.419 defuncións, e as doenzas cerebrovasculares (entre as que se atopa o ictus)  continúan a ser unha das principais causas de falecemento.

As enfermidades cerebrovasculares causaron en 2018 en Galicia 2.133 defuncións, 1.264 de mulleres e 869 de homes, situándose como a segunda causa de morte entre as mulleres,a pesar dun pequeno descenso respecto ao ano anterior. Sen embargo, no caso dos homes, a primeira causa de morte son os tumores malignos da tráquea, dos bronquios e do pulmón cun total de 1.207 defuncións das 1.558 totais que se produciron na nosa comunidade.

No ámbito estatal, as doenzas cerebrovasculares son a primeira causa de mortalidade en mulleres (14.985 falecementos dun total de 26.420), aínda que as doenzas isquémicas do corazón son a principal causa de defunción en termos xerais, cun total de 31.152 falecementos (18.423 homes e 12.729 mulleres).

Esta enquisa facilita ademais cifras sobre falecementos atendendo a causas agrupadas en epígrafes maiores. Así, no ano 2018 en Galicia as mortes por tumores baixaron ata as 8.446, mentres que as causadas por doenzas do sistema circulatorio -entre as que se atopan as motivadas por accidentes cerebrovasculares- tamén se reduciron sensiblemente, cunha cifra total de 9.652 persoas.

Outras causas de DCA

Como factores de risco cos accidentes cerebrovasculares atópanse as doenzas hipertensivas e a diabetes. Neste sentido, as estatíticas sinalan que a primeira das doenzas supuxo no ano 2018 828 falecementos en Galicia (531 mulleres e 297 homes), mentres que 530 perderon a vida por causa da diabetes mellitus (307 mulleres e 223 homes).

Por outra banda, os accidentes de tráfico causaron 162 mortes (123 homes e 39 mulleres), e as caídas accidentais 396 falecementos (190 mulleres e 206 homes). Estes dous factores son causantes de traumatismos cranioencefálicos que, á súa vez, provocan DCA.

Como terceira causa do dano cerebral adquirido sitúanse os tumores cerebrais. Segundo os datos do INE,  os tumores malignos do encéfalo causaron 215 falecementos, menres que o capítulo de "outros tumores malignos neurolóxicos e endocrinos" recolle unha cifra total de 39 mortes.

Esta información do INE analiza os principais datos da enquisa a nivel estatal. Ademais,  na nosa páxina web atoparás máis información sobre as causas do dano cerebral

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Causas > O ictus