Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© CERMI Galicia | 08/03/2021 | Xornada sobre mulleres con discapacidade coidadoras (04/03/2021)

O CERMI Galicia visibiliza ás mulleres con discapacidade e coidadoras

Conclusións do encontro online organizado coa Secretaría Xeral da Igualdade para conmemorar o 8M.

08/03/2021 | Galicia

A Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández, presentaron a xornada 'Mulleres con discapacidade coidadoras' organizada pola Comisión de Muller do CERMI galego. Durante a súa intervención, o presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández deu a benvida a todas as asistentes e agradeceu á Secretaria Xeral de Igualdade Susana Lopez Abella a súa permanente interlocución coa Comisión do CERMI Muller.
 
Luciano Fernández comezou a súa intervención falando dunha unión que parece inseparable: a de muller e coidados “cando falamos de mulleres e coidados parece que estes dous conceptos foran sempre unidos, como se fose un rol que ven predeterminado para todas as mulleres, e que debera ser aceptado sen máis. Imaxinade entón cando falamos das mulleres coidadoras con discapacidade. Nestes casos, o rol de coidadora tórnase aínda máis complexo, e condena á muller a una dobre discriminación”.

Neste sentido, o presidente do CERMI galego quixo destacar a necesidade de que haxa vontade para cambiar esta realidade “podemos falar de que existen ferramentas legais que poden tratar de cambiar esta situación, pero por moitas ferramentas que poñamos, se non hai vontade de cambiar é moi difícil que a situación mellore”.

Antes de rematar a súa intervención, Luciano Fernández puxo o acento sobre a anomalía que supón que sexa un home o que se dirixa a un foro tan específico “ponse aquí de manifesto que a muller aínda non acadou as cotas necesarias de representación, especialmente en cargos directivos. Considero que isto é unha anomalía, e espero que poida corrixirse pronto”. A súa quenda rematou cunha chamamento a que todas as administracións, poderes públicos e sociedade apoien as medidas necesarias para que a situación de mulleres e nenas con discapacidade cambie radicalmente”.

Pola súa banda, a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, incidiu na necesidade de actualizar o último informe elaborado polo Consello Galego das Mulleres dedicado precisamente á muller con discapacidade, “en pouco tempo, o informe quedou obsoleto, e debemos levalo novamente ao Consello Galego para actualizado, pois neste informe fálase das mulleres e das nenas; da necesidade de empoderalas, de formalas, de darlles acceso en igualdade de oportunidades ao ámbito de educativo….  pero hoxe traedes aquí un tema que estaba invisibilizado: as mulleres con discapacidade coidadoras. Temos un reto por diante, pero vendo este informe do ano 2015, vexo que nos últimos anos temos avanzado moito, e  polo tanto poñome á vosa disposición para continuar traballando”.

Finalmente, López Abella tivo unas palabras para as mulleres do rural “pois se falamos de ámbitos rurais ainda continúan a aumentar estas desigualdades. É fundamental ter un diálogo fluído e constante sobre esta realidade”.

Na mesa seguinte, as intervencións das mulleres coidadoras quedaron resumidas en 8 ítems básicos que sintetizan a situación dun colectivo invisibilizado socialmente:
 
1º. O papel de coidadora segue a recaer sistematicamente sobre as mulleres.
2º. As mulleres coidadoras vense na obriga de renunciar a un emprego, salario, estudos… a etapa de coidadora dura toda una vida.
3º. É común que estas mulleres perdan a súa vida social e amizades, quedando ailladas.  
4º. Ser coidadora é una profesión non remunerada nin recoñecida. Non ten horarios nin condicións.
5º. En moitos casos, non se entenden (nin se atenden) as queixas das coidadoras, negándose a existencia de depresións, demencias e todo tipo de problemas derivados do traballo de coidadora.
6º. O esgotamento da coidadora pode converterse nunha nova enfermidade. Quen coida á coidadora?
7º. Só recentemente se puxeron en marcha algúns programas de respiro, que son claramente insuficientes.
8º. O traballo das coidadoras a tempo completo supón un impresionante aforro para as Administracións, pois deixan en mans das mulleres a atención domiciliaria. Canto custaría atender nun so día a todas as persoas con discapacidade dependentes que actualmente están a coidar moitas mulleres na casa?
 
Finalmente, a xornalista Isabel Quintairos, que conduciu o acto e elaborou as conclusións, quixo rematar facendo un chamamento: “Hai que coidar ás coidadoras. Hai que relevar ás coidadoras. E, algún día, hai que pagar ás coidadoras”.

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > CERMI Galicia