Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Pixabay | | A vacina contra o coronavirus

O CERMI insta a acelerar o proceso de vacinación das persoas con discapacidade

A reclamación xorde da xuntanza do ente estatal cos comités autonómicos celebrada este martes.

21/01/2021

O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e os CERMIS Autonómicos instaron a acelerar o proceso de vacinación contra a COVID-19 entre todas as persoas con discapacidade, sinalando como elemento moi negativo a gran “desigualdade” entre territorios.

Así o expresaron durante a Conferencia CERMI Territorios celebrada este martes de forma telemática, na que se analizou o impacto nas persoas con discapacidade do despregamento da estratexia de vacinación contra a COVID-19 nas comunidades autónomas, ademais de repasar os principais asuntos da axenda da discapacidade.

Tal e como se manifestou, o sistema de vacinación está a ser “irregular”, “cambiante”, “lento” e pegado á realidade de cada territorio. Detrás diso atópanse factores como o abastecemento da vacina, as novas restricións de seguridade perante a terceira onda da pandemia ou o protocolo definido por cada Administración.

A pesar de que a plataforma da discapacidade recoñeceu que avanza a vacinación en residencias de persoas con discapacidade, centros de atención a persoas en situación de dependencia e de día, advirte que quedan ámbitos aos que aínda o proceso non chegou como as persoas con discapacidade con grandes necesidades de apoio que non están institucionalizadas, que deberían ser prioritarias.

Doutra banda, alertouse de que, novamente, existe unha falta de accesibilidade na información que se proporciona á cidadanía sobre a pandemia e en particular sobre a vacinación e que “deixa a un sector da poboación sen acceso aos datos básicos dos que debe xurdir a decisión consciente e informada”. Neste sentido, continuarase levando a cabo o labor de incidencia política para reverter esta situación.

Todas estas cuestións compartiranse no próximo Comité Executivo do CERMI Estatal, co obxectivo de despregar novas accións de seguimento e fomentar propostas de mellora. Segundo a plataforma da discapacidade, dentro de todas as dificultades das cuestións loxísticas e operativas, o proceso de vacinación tivo en conta ás persoas con discapacidade como grupo preferente.

Información extraída da páxina web do CERMI.

Arquivada en:
Recursos de Atención > Información para a atención > COVID-19