Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 08/01/2019 | O dano cerebral invisible

O dano cerebral adquirido: unha discapacidade con secuelas invisibles

Trastornos da percepción ou alteracións na memoria e na comunicación non se perciben a simple vista.

08/01/2019

Unha das principais barreiras que enfrontan as persoas con dano cerebral adquirido é a da incomprensión. É doado recoñecer a discapacidade nunha persoa que vai en cadeira de rodas ou que perdeu a visión, pero que ocorre coas secuelas invisibles?

O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que se presenta de repente por causa dunha lesión no cerebro. Dependendo do lugar no que se produza esa lesión, a persoa presentará diferentes secuelas con distintas intensidades.

É moi común que as persoas con dano cerebral teñan un bo nivel de recuperación física, con secuelas motoras ou orgánicas practicamente imperceptibles. Sen embargo, as secuelas cognitivas, emocionais ou condutuais son igualmente habituais. Implican desorientación, fallos na memoria, trastornos na capacidade de cálculo ou na linguaxe, ansiedade, apatía, impulsividade ou inadecuación ás situacións sociais; manifestacións difíciles de comprender por unha sociedade que recoñece á persoa con dano cerebral como saudable debido ao seu aspecto físico.

A imposibilidade de volver ao traballo pola incapacidade para manter un nivel mínimo de concentración, o feito de esquecer os nomes dos fillos, ou ter que volver aprender a ler e escribir, son o día a día das persoas con dano cerebral adquirido.

Por iso o modelo de intervención definido polo Imserso, que é o que seguen as asociacións de FEGADACE, non se limita á rehabilitación física. É un modelo de rehabilitación multidisciplinar, para abordar a discapacidade desde unha perspectiva integral, centrada na calidade de vida da persoa.

Máis información:

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Consecuencias