Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 03/09/2019 | O doutor Pedro Diz, que recolle o Premio FEGADACE - Miguel Blanco

O doutor Pedro Diz falará sobre o dereito á saúde oral na Xornada sobre o DCA

Recolle o Premio FEGADACE-Miguel Blanco á Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais.

17/09/2019 | Santiago de Compostela

O Catedrático de Estomatoloxía Pedro Diz Dios vai estar na Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido para recoller, en representación da Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da USC, que el mesmo dirixe, o 7º Premio FEGADACE - Miguel Blanco.

O acto de entrega vai ter lugar ás 11:30. Aproveitando a súa presenza, o doutor Pedro Diz vai facer unha pequena intervención sobre a materia que o ocupa: o dereito á saúde oral libre de barreiras de ningún tipo, e os beneficios que o coidado da hixiene dental conleva para as persoas con diferentes discapacidades.

Pedro Diz vai recoller o galardón das mans de Miguel Ángel Verdugo, Catedrático de Psicoloxía da Discapacidade e director do Instituto Universitario de Integración na Comunidade (INICO), da Universidade de Salamanca, que hai un ano recibiu o 6º Premio FEGADACE – Miguel Blanco.

Pedro Diz: unha traxectoria a prol da inclusión

Pedro Diz Dios é Doutor en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Friburgo, Especialista en Estomatoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Diplomado pola ‘Asociación Europea de Medicina Oral’ (EAOM).

Na actualidade ocupa os cargos de Director da ‘Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais’, e de codirector do ‘Máster de Odontoloxía en persoas con Necesidades Especiais e Odontopediatría’ da USC.

É membro do consello de dirección e do comité científico da Asociación Internacional para a Discapacidade e a Saúde Oral (IADH), Profesor Visitante Honorífico da Universidade de Londres, Membro Honorífico do Real Colexio de Cirurxiáns de Edimburgo e membro de Honra da Asociación Árabe para a Discapacidade e a Saúde Oral (ASDH). Ademais é redactor xefe da revista Special Care Dentistry -que é o órgano de expresión da Sociedade Americana de Odontoloxía para Pacientes Especiais-, editor asociado da revista Oral Diseases e membro do consello editorial do Journal of Disability and Oral Health.

A Xornada sobre o DCA: un espazo de reflexión sobre ética e dereitos

A Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido dedícase á reflexión sobre ‘Información e toma de decisións: unha mirada desde a ética’. Terá lugar o 28 de setembro desde as 9:00 na Facultade de Filosofía da USC, en Santiago de Compostela. A inscrición está aberta ata completar aforo e é gratuíta. Pode formalizarse nesta ligazón.

#XornadaDCA

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Divulgación de coñecemento
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)