Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Axenda

© FEGADACE | 04/05/2022 | Exposición no Hospital do Salnés

O Hospital do Salnés acolle a mostra 'Punto e seguido' do 16 ao 30 de maio

As persoas que se acheguen ao centro poderán coñecer de primeira man como é "a vida con dano cerebral".

16/05/2022 - 30/05/2022 | Vilagarcía de Arousa

A información e sensibilización sobre o dano cerebral adquirido chegan a Vilagarcía de Arousa pola man da colaboración entre a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.
 
A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ poderá verse desde o 16 ata o 30 de maio no Hospital do Salnés (Vilagarcía de Arousa). O horario de apertura é de 24 horas todos os días, xa que é o mesmo que o do centro sanitario.
 
Proxecto ‘Punto e seguido’
 
As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
 
Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.
 
A organización desta actividade conta coa colaboración da Xerencia da Área Sanitaria e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.
 
Lugar de celebración:

Hospital do Salnés
Rúa Hospital do Salnés, 30
Vilagarcía de Arousa

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)