Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEDACE | 25/10/2018 | Obxectivos do movemento asociativo do DCA

O manifesto do 26 de outubro pon o foco nas 'realidades invisibles' do dano cerebral

Demanda que se garanta a continuidade asistencial e se mellore a atención a persoas e familias con DCA.

26/10/2018 | Galicia

O Consello de Ministros declarou, en agosto de 2007, o 26 de outubro como o Día Nacional do Dano Cerebral. Desde esa data o movemento asociativo e aproveita a xornada para expresar as súas necesidades e para visibilizar esta discapacidade.

En Galicia hai máis de 35.000 persoas con dano cerebral adquirido. Cada ano prodúcense arredor de 7.000 novos casos. FEGADACE e as súas asociacións representan a máis de 1.700 familias e teñen implantación nas catro provincias galegas.

O movemento asociativo emprega o Día do Dano Cerebral para visibilizar, sensibilizar e informar, pero tamén para reivindicar. As entidades organizadas en torno á Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE), da que forman parte a Federación e as asociacións galegas, presentan un manifesto con catro demandas fundamentais para que se garanta a continuidade asistencial e se mellore a atención ás persoas e familias con DCA:

  1. Unha Estratexia Nacional de Atención ao Dano Cerebral Adquirido que teña como base a coordinación entre os ámbitos asistenciais sanitarios e sociais.
  2. A categoría diagnóstica ‘Dano Cerebral Adquirido’ para identificar ás persoas con esta discapacidade no momento da alta hospitalaria, detectar desde o inicio as súas necesidades de rehabilitación e garantir a continuidade asistencial
  3. Un censo de persoas con DCA para cuantificalas, analizar as súas necesidades e que se dispoñan os recursos necesarios para garantir a súa calidade de vida e inclusión social.
  4. A inclusión da familia como beneficiaria do proceso de atención, e non só como parte colaboradora, para que tamén reciba a información, a formación e o apoio psicolóxico que precisa durante todo o proceso de atención ao DCA.

Este manifesto vaise ler simultaneamente a nivel estatal o 26 de outubro ás 12:00. En Galicia haberá lecturas no marco dos actos de ADACECO (A Coruña), ADACE Lugo, Alento (Vigo), Renacer (Ourense) e Sarela (Compostela), as cinco asociacións da Federación Galega de Dano Cerebral.

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Manifestos