Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© INICO | 20/07/2018 | Logotipo do INICO

O Premio FEGADACE–Miguel Blanco recoñece o labor do INICO coa calidade de vida no DCA

O acto de entrega Instituto Universitario de Integración na Comunidade vai ter lugar na Xornada sobre o DCA.

22/07/2018 | Santiago de Compostela

A Federación Galega de Dano Cerebral decidiu entregar o 6º Premio FEGADACE – Miguel Blanco ao Instituto Universitario de Integración na Comunidade (INICO), da Universidade de Salamanca, polo seu compromiso coa “mellora da calidade de vida e autodeterminación das persoas con dano cerebral adquirido (DCA) ao longo de todo o seu ciclo vital”.

FEGADACE realiza este anuncio coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Cerebro, o 22 de xullo. A Federación Mundial de Neuroloxía dedica a efeméride á contaminación como factor de risco de doenzas cerebrovasculares, como o ictus.

Recoñecemento ao INICO

O INICO é un organismo dependente da Universidade de Salamanca, fundado en 1996, que ten como finalidade a realización de accións de investigación, formación especializada e asesoramento encamiñadas a potenciar, facilitar e mellorar as condicións de vida das persoas en situación de desvantaxe social. Nomeadamente, poñen o foco na discapacidade, diversidade e inclusión social, buscando solucións, promovendo a participación e potenciando as capacidades das persoas destinatarias das súas accións.

Este mesmo ano, en marzo, o instituto presentou a Escala CAVIDACE, unha ferramenta para a medición da calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido. A Escala é o resultado dunha investigación na que o INICO colaborou co movemento asociativo do DCA a través de FEDACE (desde Galicia participou Alento) para buscar solucións ás necesidades do colectivo.

A Xunta Directiva de FEGADACE valorou “o labor desta institución, destacada a nivel nacional e internacional na investigación, docencia e difusión do coñecemento en materia de discapacidade”, o seu obxectivo de “contribuír á mellora da calidade de vida e autodeterminación das persoas con DCA ao longo de todo o seu ciclo vital” e subliñou especialmente a elaboración da Escala CAVIDACE.

A Federación considera a ferramenta “pioneira no ámbito internacional polo seu enfoque de avaliación global da calidade de vida desde un enfoque psicosocial, que vai repercutir moi positivamente na mellora da práctica profesional coa poboación con DCA, o que, á súa vez, vai reverter no obxectivo principal das nosas accións: a mellora da calidade de vida das persoas con DCA”.

Entrega na Xornada sobre o DCA

FEGADACE está a organizar unha Xornada sobre o DCA que vai ter lugar en Santiago de Compostela o 29 de setembro. Estará dedicada á ‘calidade de vida e dano cerebral adquirido’ e reservará un oco para a entrega do Premio FEGADACE – Miguel Blanco. A Federación síntese honrada de anunciar que vai ser recollido polo director do INICO, Miguel Ángel Verdugo, catedrático de Psicoloxía da Discapacidade. Proximamente anunciarase o programa completo da Xornada.

Anuncio no Día Mundial do Cerebro

O anuncio da concesión do 6º Premio FEGADACE – Miguel Blanco realízase coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Cerebro, que a Federación Mundial de Neuroloxía  (WFN, segundo as siglas en inglés) fixou no 22 de xullo.

O lema escollido para este ano é ‘Aire limpo para un cerebro saudable’, e ten como obxectivo concienciar sobre a influencia da contaminación do aire nas doenzas neurolóxicas. Recentes estudos demostraron a relación deste problema ambiental cunha maior incidencia de ictus.

A WFN salienta a importancia de reducir as emisións tóxicas, subliñando que este é un factor de risco modificable, e chamando á comunidade internacional a defender a saúde cerebral tamén a través da loita contra a contaminación.

O ictus é a principal causa do dano cerebral, no 78% dos casos, polo que FEGADACE asume como prioridade a defensa dun aire limpo para unha boa saúde cerebral que preveña o DCA.

Un galardón para lembrar ao neurólogo Miguel Blanco

O Premio FEGADACE - Miguel Blanco recoñece o traballo e a traxectoria dun axente social implicado na defensa do colectivo e na sensibilización sobre o dano cerebral adquirido. FEGADACE leva premiado ata hoxe ao programa Convivir en Igualdade (Radio Galega), a Miguel Blanco, á Fundación Barrié, á DGT e a María Escario.

En 2016 a Xunta Directiva da Federación aprobou o cambio de nome do galardón para lembrar ao neurólogo Miguel Blanco, falecido repentina e prematuramente en outubro de 2015. Blanco dirixía a Unidade de Ictus do CHUS e foi un estreito colaborador da Federación, que lle quixo render homenaxe incluíndo o seu nome no premio, que el mesmo recibiu no ano 2014.

Información do cartel da Federación Mundial de Neuroloxía (en inglés):

Día Mundial do Cerebro (22 de xullo de 2018)

Aire limpo para un cerebro saudable

  • A contaminación do aire é un factor de risco modificable das doenzas cerebrovasculares e neurodexenerativas.
  • A última estimación mundial de mortes atribuíbles á contaminación é de 9 millóns de mortes ao ano.

 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Premio FEGADACE - Miguel Blanco
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)