Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 20/09/2021 | O presidente da Xunta acompaña no Obradoiro ás persoas con dano cerebral

O presidente da Xunta sumouse á benvida ás persoas con dano cerebral no Obradoiro

As asociacións de FEGADACE realizaron o venres o tramo final do Camiño de Santiago.

20/09/2021 | Santiago

Unhas 200 persoas usuarias, profesionais, voluntarias e familiares das asociacións de FEGADACE reuníronse o venres 17 en Santiago para realizar o último tramo do Camiño de Santiago 'Camiñando polo Dano Cerebral'. Unha andaina que, pese á auga, foi completada con éxito por todas as persoas con dano cerebral adquirido, que foron recibidas na Praza do Obradoiro polo presidente da Xunta de Galicia.

Alberto Núñez Feijóo atopábase na praza no desenvolvemento da súa axenda ordinaria e non dubidou en achegarse a saudar ás persoas con dano cerebral e en participar no acto de benvida saudando a peregrinación de FEGADACE. O presidente sumouse ás persoas convidadas por FEGADACE e representantes das institucións implicadas no apoio a esta actividade: a conselleira de Política Social, Fabiola García, o alcalde de Santiago, Xosé Bugallo, e o director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa.

Tamén nos acompañaron as concelleiras de Política Social, Milagros Castro, e de Deportes, Esther Pedrosa, e membros de todos os grupos políticos con espazo na corporación municipal de Santiago, así como o director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Fernando González Abeijón.

A camiñada saíu de Salgueiriños con chuvia, que foi alternando con claros ata a chegada ao Obradoiro. Aínda así, as persoas con dano cerebral demostraron que son capaces e que poden facer o percorrido sempre que conten coas adaptacións necesarias. Tralo acto no Obradoiro o grupo desprazouse ao Parque de Galeras, onde gozaron dun xantar de convivencia e dunha pequena festa na sobremesa.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Prevención
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)