Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 17/12/2022 | Javier Pitillas, Laura Abeledo e Jesús Figueroa (esq. a der.)

O Sergas anuncia que o Proceso Asistencial Integrado do DCA implantarase en 2023

Javier Pitillas, fundador de Discamino, recolleu o 10º Premio FEGADACE – Miguel Blanco á súa entidade.

17/12/2022 | Santiago

O Proceso Asistencial Integrado (PAI) do Dano Cerebral Adquirido en Galicia vaise finalizar (atópase en fase de revisión externa) no primeiro trimestre de 2023. No segundo trimestre vaise realizar unha proba piloto da súa implantación nunha área sanitaria. E, xa na segunda metade do vindeiro ano, porase en marcha nas sete áreas sanitarias establecidas polo Servizo Galego de Saúde. Así o anunciou a médica e xefa de servizo de Integración Asistencial da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, María Blanca Cimadevila, no relatorio de presentación dos contidos do PAI do dano cerebral, durante a Xornada anual de FEGADACE.
 
Un Proceso Asistencial Integrado é unha ferramenta elaborada para acadar a equidade nas prestacións e para coordinar a continuidade asistencial organizando os servizos e intervencións médicas en torno ao ou á paciente, para mellorar a súa eficacia e, como fin último, a calidade da atención recibida e, polo tanto, a saúde das persoas. Ao longo de 2022 a Consellería de Sanidade elaborou o PAI do dano cerebral adquirido co constante apoio de FEGADACE, que axudou a identificar familias e persoas con esta discapacidade para o grupo focal inicial, e que achegou dúas profesionais (a directora da Federación, Begoña Hermida, e a directora e psicóloga/neuropsicóloga de Sarela, Rocío García) ao grupo de traballo que elaborou o documento.
 
Unha Xornada moi vinculada a Sanidade
 
A Xornada sobre o Dano Cerebral celebrouse en Santiago esta mañá baixo o título ‘A atención integral sociosanitaria como garantía de calidade de vida no dano cerebral adquirido’, e foi inaugurada polo presidente de FEGADACE, Luciano Fernández Pintor, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. O primeiro subliñou como un paso histórico a elaboración do PAI do dano cerebral, salientando o feito de que recolle moitas das reivindicacións, así como o punto de vista do movemento asociativo que representa. O segundo realizou un reconto dos procesos asistenciais elaborados nos últimos anos e agradeceu a FEGADACE a implicación e colaboración no documento hoxe presentado.
 
A primeira mesa da mañá serviu de contexto e aproximación ao estado da atención ao dano cerebral adquirido a nivel estatal. A docente e investigadora do INICO Alba Aza Hernández falou dos ‘Modelos de atención pública á poboación con dano cerebral adquirido en España’, debullando as diferenzas a nivel autonómico e salientando o paso dado en Galicia con este PAI. A seguir, a psicóloga e presidenta da Federación Española de Daño Cerebral, Ana Cabellos Cano, defendeu a ‘Xustificación dunha Estratexia Nacional de Atención ao Dano Cerebral en España’, reivindicando a atención especializada como un dereito das persoas con independencia do seu lugar de nacemento.
 
Despois da presentación do borrador do documento, resumida ao inicio, unha mesa reuniu a boa parte das persoas participantes no grupo de traballo que elaborou o Proceso Asistencial. Titulada ‘Organizando a atención integral ao dano cerebral adquirido en Galicia’, baseouse como punto inicial no testemuño de Patricia Fernández, unha persoa con dano cerebral de Sarela (Asociación de Dano Cerebral de Compostela), que explicou o seu caso como paradigma do sufrimento que causan a desorientación por falta de información, cando o dano cerebral chega á vida da persoa, e a incorrecta identificación das secuelas, que retrasa o inicio da atención específica.
 
José Luis Maciñeiras Montero (neurólogo, coordinador da Unidade de Ictus do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo), Jacobo Formigo Couceiro (especialista en Medicina Física e Rehabilitación no CHUAC e presidente da SOGARMEF), Lourdes Bermello López (enfermeira da Unidade de Neuroloxía do HULA e vogal da SEDENE), Rebeca Huerta Mareca (terapeuta ocupacional no HULA), Javier Sardiña Agra (facultativo especialista de Área Psicoloxía Clínica no CHUAC), Carmen de la Sierra (traballadora social, coordinadora da Ud. de Coord. de Dependencia da Consellería de Política Social) e Rocío García Calvo (psicóloga/neuropsicóloga e directora de Sarela) respoderon, xunto con Patricia, ás preguntas das moderadoras Blanca Cimadevila e Josefina Monteagudo (médica salubrista e subdirectora xeral de Humanización e Atención á Cidadanía do Sergas). Expuxeron o proceso de traballo e identificaron os retos para a implantación do PAI, que pasan pola correcta información e formación dos equipos profesionais encargados dos diferentes servizos, así como pola suficiente dotación de recursos.
 
10º Premio FEGADACE – Miguel Blanco para Discamino
 
O fundador de Discamino, Javier Pitillas Torra, recolleu das mans do vicepresidente da sociedade de medicina rehabilitadora (SOGARMEF), Jesús Figueroa, o 10º Premio FEGADACE – Miguel Blanco a Discamino. Figueroa amosouse enormemente orgulloso de facer entrega dun galardón co nome do neurólogo Miguel Blanco, co que coincidiu no traballo e ao que atribuíu o feito de ser dos primeiros en preocuparse porque “rehabilitaramos aos seus pacientes” da Unidade de Ictus do CHUS.
 
Previamente, a secretaria da Xunta Directiva de FEGADACE, Laura Abeledo, detallara os motivos de concesión do premio polo “compromiso de Discamino cos dereitos e a inclusión do colectivo do dano cerebral adquirido, que se manifesta a través de diferentes accións e metodoloxías, e que comeza no mesmo momento de fundación da asociación, ao estar esta composta por persoas con e sen discapacidade”.
 
A Federación Galega de Dano Cerebral “agradece o especial esforzo de Discamino para a implicación nas súas iniciativas das persoas con dano cerebral adquirido, moitas delas participantes neses retos, facilitando o exercicio dos dereitos ao goce do lecer e á participación deportiva, fundamentais na recuperación e mantemento das persoas con dano cerebral adquirido, á hora de retomar e/ou reformular o seu proxecto vital, desde os puntos de vista físico, de autoestima, de inclusión, e outros”.
 
Pitillas recolleu o premio explicando que Discamino se sinte totalmente parte de FEGADACE, entre outros motivos, polo feito de ter o seu garaxe de bicicletas e triciclos en Alento (a asociación viguesa de dano cerebral), e pola presenza de persoas con esta discapacidade na entidade. Salientou que moitas delas teñen entrado en Discamino como persoas usuarias, pasando a ser, co tempo, “condutoras” e prestadoras de apoio a outras novas beneficiarias do labor da entidade. Javier Pitillas explicou tamén como os motiva a "forza" inspiradora que sacan as persoas que, despois dun ictus ou calquera outra causa de dano cerebral, comezan a facer actividades como as que organiza Discamino.
 
A figura do premio foi elaborada nos obradoiros de Alento. As persoas relatoras e participantes nas mesas recibiron tamén un agasallo creado polas persoas con dano cerebral de DCA Ourense.
 
O Proceso Asistencial Integrado
 
O Proceso Asistencial Integrado do Dano Cerebral Adquirido en Galicia está centrado na fase subaguda e ten como principal obxectivo acadar a máxima calidade de vida da persoa con dano cerebral adquirido, así como a súa autonomía e participación social, a través dos sucesivos plans individualizados de atención.
 
De xeito relacionado, o PAI vai promover a identificación das persoas que teñen dano cerebral baixo ese código (e non exclusivamente o da causa, como ata agora). Tamén pretende acadar a equiedade na atención e prestacións sociosanitarias, e garantir a coordinación e continuidade asistencial en todas as fases da atención. Pretende tamén acadar a participación de todos/as os/as profesionais (do sistema público e das asociacións de dano cerebral), e conseguir que as persoas con dano cerebral, as súas familias e as persoas coidadoras se sintan informadas e acompañadas durante o proceso.
 
Este documento elaborouse ao longo de 2022 (o seu borrador estará finalizado a primeiros do próximo ano), e contou coa implicación dun grupo de persoas con dano cerebral adquirido, que expuxeron a súa traxectoria e necesidades detectadas, e cun grupo de traballo multidisciplinar no que estiveron representados a totalidade de perfís profesionais implicados no percorrido que segue a persoa con dano cerebral adquirido: neuroloxía, enfermería hospitalaria, neurocirurxía, medicina intensivista, enfermería e medicina de atención primaria, fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, psicoloxía clínica, neuropsicoloxía, traballo social e educación social.
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Divulgación de coñecemento
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)