Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Parlamento de Galicia | 29/01/2019 | Captura do vídeo da comparecencia na comisión parlamentaria

O Sergas realiza un estudo para a creación dun centro de rehabilitación para DCA

Segundo o acordo unánime adoptado polo pleno do Parlamento, debería ter estado realizado o ano pasado.

29/01/2019 | Galicia

O Sergas está a realizar un estudo para a creación dun centro público de referencia para a rehabilitación do dano cerebral adquirido. Así o confirmou o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, na Comisión Parlamentaria de Sanidade, Política Social e Emprego que tivo lugar o día 23 de xaneiro.

As declaracións do director xeral responden á pregunta formulada pola parlamentaria de En Marea Paula Verao, que pediu explicacións ao goberno sobre a execución do acordo plenario adoptado por unanimidade en 2016 segundo o cal a Xunta se comprometía a estudar nos primeiros meses do ano 2018 a creación en Galicia dun centro público de referencia para a rehabilitación de persoas con dano cerebral adquirido. Aboal admitiu que no 2018 a consellería de Sanidade só realizou a recollida de datos, e que finalizará o informe ao longo de 2019.

Outras reivindicacións de FEGADACE

A deputada de En Marea recolleu na súa pregunta outras demandas do movemento asociativo do dano cerebral, sinalando que "a dimensión do problema é enorme e hai unha grande falta de recursos". Entre as reivindicacións atópanse a da elaboración dun censo completo de persoas con DCA (xa que o censo de persoas con discapacidade non discrimina ás que teñen dano cerebral); a dotación de máis recursos para todas as fases de atención (segundo Verao, como "non hai centro rehabilitación en media-longa estancia, a atención recae sobre as propias persoas e as familias", ademais de denunciar "unha realidade de desigualdade entre quen pode pagar os servizos privados de rehabilitación e quen non, ou entre quen ten a posibilidade de asociarse ás entidades de DCA, que fan un labor impagable para intentar evitar ao máximo as secuelas, e quen non"); e se se vai implantar a figura do responsable clínico.

Paula Verao preguntou tamén que actuacións pensa facer a Xunta para mellorar a axuda a familias; que se vai facer para garantir que as persoas con DCA teñan acceso ao emprego, xa que case o 73% de persoas ten dificultades para traballar; e polo avance na figura da asistente persoal. Expesou, por último, a necesidade de programas de investigación e prevención.

Resposta do director xeral de Asistencia Sanitaria

Jorge Aboal detallou as características do Plan de Atención ao Ictus como resposta á petición dunha estratexia galega de dano cerebral. Segundo o director xeral, a "principal estratexia é a prevención: actuar rápido para eliminar as secuelas"; de aí as campañas divulgativas "tempo é cerebro", para informar sobre recoñecemento dos 3F (fala, forza, faciana), e a posta en marcha da Central de Atención ao Ictus (CAI), unha unidade de coordinación 24 horas con profesionais da neuroloxía que ofrecen soporte ao diagnóstico e tratamento a todos os hospitais de Galicia a través da televideoconferencia. Sen embargo, o Plan Ictus non cobre a atención á totalidade de persoas con DCA -por outras causas-, e limítase á fase aguda.

Complementando o Plan Ictus, e con respecto ás persoas en fase crónica, Aboal indica que a atención ao DCA está incluída na carteira de servizos, que se acaba de poñer en marcha unha Unidade de Neurorrehabilitación no hospital Álvaro Cunqueiro, que existe un concerto co hospital Quirón (Pontevedra) para a atención de persoas con DCA e que Política Social tamén dispón de recursos asistenciais.

Con respecto á figura de responsable clínico, di que está recollida na Estratexia de atención á Cronicidade que cada paciente ten que ter un único interlocultor na estadía hospitalaria e na atención primaria.

O responsable de Asistencia Sanitaria sinala tamén que existen recursos de Política Social para que as persoas con maior índice de vulnerabilidade reciban máis e maiores prestacións e teñan menor copagamento, en relación á promoción do emprego; refire que a asistencia persoal está definida na Lei de Dependencia; e que xa existen programas de apoio familias.

A sesión da comisión pódese ver completa nesta ligazón.

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Necesidades do colectivo