Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Alento | 28/07/2021 | Obradoiro de hixiene oral no centro de día de Alento

Obradoiros de hixiene oral para persoas con dano cerebral adquirido en Alento

Impartidos por profesionais da Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais da USC.

28/07/2021 | Vigo

A colaboración de FEGADACE e as súas asociacións coa Unidade para Persoas con Necesidades Especiais da Facultade de Odontoloxía da USC continúa este ano co obxectivo de mellorar a hixiene oral do colectivo de persoas con dano cerebral. Se en 2020 empregamos a sinerxía establecida para a edición de materiais de formación, información e divulgación, así como para a organización do Simposio sobre Saúde Oral e Dano Cerebral, en 2021 dedicamos a colaboración á formación.
 
Así, profesionais da Unidade están a realizar unha serie de obradoiros sobre como realizar unha correcta hixiene oral ás persoas con dano cerebral, dirixidos ás persoas que son autónomas e poden realizar o seu propio aseo, e tamén ás auxiliares de enfermería encargadas de facelo no seu lugar cando as persoas se atopan nunha situación de dependencia.
 
Polo momento realizáronse tres destes obradoiros, todos na asociación Alento, en Vigo. O primeiro deles tivo lugar en maio, na residencia. Foi o primeiro centro en recibir a formación por tratarse do único, na altura, que contaba con todo o seu persoal vacinado contra a COVID19. A continuación, xa no mes de xullo, tiveron lugar outras dúas sesións no centro de atención diúrna.
 
O equipo da Unidade de Odontoloxía realiza nesta actividade unha pequena explicación teórica, á que segue a práctica con todas as persoas con dano cerebral que se atopan no centro en cuestión. Con elas van amosando as diferentes técnicas e ferramentas, escollendo as máis adaptadas ás necesidades e dificultades de cada persoa.
 
Está previsto que este ciclo de obradoiros continúe nas demais asociacións de FEGADACE ao longo de 2021.
 
Máis información e recursos de saúde oral e dano cerebral aquí.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Alento Asociación de Dano Cerebral (Vigo - Pontevedra)