Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | | Fragmento da portada da Memoria 2018

Os dez principais datos da memoria de actividades de FEGADACE 2018

O documento pode descargarse no apartado de transparencia e rendición de contas da web.

13/05/2019 | Santiago

FEGADACE aprobou, na súa Asemblea Xeral Ordinaria, a Memoria que resume a actividade desenvolvida en 2018 e expón as contas e financiadores que contribuíron á súa realización. A súa publicación forma parte da política de transparencia da Federación, que inclúe non só facer pública a información, senón que esta se presente nun formato accesible, facilmente comprensible. Pódese descargar o apartado de 'Rendición de contas' da web.

1. Máis de 1.700 persoas socias.
As asociacións de FEGADACE reúnen un total de 1.734 persoas socias, das que máis de mil teñen dano cerebral. Suman 90 profesionais e 62 voluntarias que contribúen á atención de 406 persoas con dano cerebral.

A federación en cifras

2. Convenio coa Consellería de Política Social.
As persoas con DCA e as súas familias gozan de catro servizos financiados polo convenio nominativo coa Consellería de Política Social. Dentro das actividades para a mellora e o benestar físico atendeuse a 626 mulleres e 932 homes en 2018. Tamén traballan as actividades básicas da vida diaria, o lecer e a inclusión, e a información e orientación.

Actividades para a mellora do benestar físico
 

3. Información e autonomía persoal grazas ao IRPF.
As subvencións con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF para fins sociais permiten desenvolver programas de autonomía persoal e inclusión social, e outros de información e apoio a fmailias. Estes últimos atenderon 674 persoas en 2018.

Programa de información e apoio

4. 60 asistentes a respiros familiares.
Ata 60 persoas con dano cerebral asistiron a actividades de lecer de fin de semana acompañadas de persoal técnico das asociacións. Outras tantas familias, especialmente as persoas coidadoras principais, gozaron do correspondente descanso do labor de coidados.
Respiros familiares


5. Coñecemento da diagnose e recursos de atención ao DCA.
En 2018 publicamos o estudo 'Coñecemento do diagnóstico e recursos das persoas con DCA'. O 78% das persoas preguntadas durante a investigación afirma que a falta de información é o principal obstáculo para acceder aos servizos de rehabilitación.

Estudo sobre coñecemento dos recursos de atención ao ictus


6. 113 persoas formándose sobre calidade de vida e DCA.
A Xornada sobre o Dano Cerebral, na que se entregou ao INICO o 6º Premio FEGADACE - Miguel Blanco, dedicouse á reflexión e formación sobre calidade de vida e DCA.

Xornada sobre o DCA


7. As persoas con dano cerebral, protagonistas de exposicións.
En 2018 estreamos a mostra 'Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido', que se puido ver en Santiago, A Coruña e Ourense. Tamén participamos no ciclo CapacitArte, organizado polo CERMI Galicia e a consellería de Política Social.

Exposicións CapacitArte e Punto e seguido

8. 51 mulleres e 14 homes no Encontro de Profesionais.
2018 foi o ano da calidade de vida. As 65 persoas que asistiron ao Encontro de Profesionais formáronse en calidade de vida con Alba Aza, do INICO, e co equipo de Alento.

Encontro de profesionais de FEGADACE

9. 26 de outubro: Día do Dano Cerebral.
As conmemoracións do Día do Dano Cerebral e do Día do Ictus sumaron un total de 77 impactos en medios de comunicación. O acto principal de FEGADACE foi a apertura da mostra CapacitArte.

Día do Dano Cerebral 2018

10. 567 persoas informadas sobre o DCA na provincia da Coruña.
O programa de información sobre o dano cerebral adquirido financiado pola Deputación da Coruña permitiu organizar 26 charlas en diferentes localidades da provincia e editar 1.500 exemplares da guía 'Cousas que debes saber sobre o dano cerebral adquirido cando o teu familiar está no hospital'.

Guía sobre o dano cerebral

Arquivada en:
Transparencia > Rendición de contas
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)