Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Outras entidades

FEGADACE ten acordos de colaboración con diferentes entidades para a realización de actividades conxuntas que redunden na mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral; tamén participa en grupos e comisións de traballo, sempre coa mesma perspectiva de representación e defensa do colectivo.

Consello Asesor de Pacientes

O Consello Asesor de Pacientes é un organismo consultivo da Consellería de Sanidade no que se avalían diferentes publicacións e actuacións relacionadas coa sanidade en Galicia, dando voz ás asociacións que representan tanto aos e ás pacientes como ás persoas coidadoras.

Sociedade Galega de Neuroloxía (SGN)

FEGADACE asinou en 2015 un convenio de colaboración coa Sociedade Galega de Neuroloxía (SGN) para a realización de actividades e campañas de sensibilización sobre o ictus.

Os neurólogos e neurólogas da SGN participan na recollida de datos do proxecto 'Analizando o coñecemento da diagnose e recursos das persoas con DCA, medindo a cobertura das necesidades do colectivo'.

Sociedade Galega de Medicina Física e Rehabilitación (SOGARMEF)

FEGADACE e SOGARMEF asinaron en outubro de 2020 un convenio de colaboración co obxectivo de procurar unha mellora na calidade da rehabilitación que reciben as persoas con dano cerebral.

As dúas entidades buscan potenciar a formación das súas persoas socias; realizar actividades de investigación; organizar seminarios, xornadas, cursos e conferencias de interese común; e desenvolver informes e documentos que persigan o obxectivo común da mellora da calidade da rehabilitación integral das persoas con dano cerebral.

Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL)

FEGADACE e FAGAL asinaron en marzo de 2017 un convenio permanente de colaboración en virtude do que ambas entidades van colaborar en accións de sensibilización, formación, e cantas máis se consideren oportunas.

Este acordo baséase nas similitudes entre a problemática que afrontan as persoas e familias con dano cerebral e con alzhéimer: o feito de seren afectacións neurolóxicas e adquiridas, os elevados niveis de dependencia que xeran e a súa extensión ao ámbito social, o incremento da incidencia das dúas discapacidades por causa do envellecemento poboacional, ou os déficits na adaptación do sistema de atención sociosanitaria.

Universidade da Coruña (UDC)

Convenio marco de colaboración para a realización de prácticas na Federación e asociacións de dano cerebral por parte do estudantado da Universidade da Coruña (UDC), sen acotar titulacións.

Escola Universitaria de Traballo Social (USC)

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) conta, como centro adscrito, cunha Escola Universitaria de Traballo Social coa que FEGADACE estableceu un convenio de prácticas para estudantes.

Eroski Consumer

Acordo para a publicación bimensual de artigos na revista online Eroski Consumer sobre temas relacionados coa prevención do dano cerebral adquirido e as súas causas, o modelo de atención, as necesidades das persoas e familias con esta discapacidade, ou o voluntariado e outras iniciativas solidarias.

Aitor de Luis

O convenio asinado co nadador de augas abertas Aitor de Luis regula as vías de colaboración abertas para a realización de retos e travesías co obxectivo sensibilizar sobre o dano cerebral.