Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Premio FEGADACE - Miguel Blanco

O Premio FEGADACE ten a súa orixe nos recoñecementos entregados no I Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral a diferentes persoas especialmente implicadas no traballo das asociacións e ao psicólogo clínico Miguel Anxo García. Estes recoñecementos institucionalizáronse a través do premio, que recoñece o traballo e a traxectoria dun axente social implicado na defensa do colectivo e na sensibilización sobre o dano cerebral adquirido.

En 2016 a Xunta Directiva da Federación aprobou o cambio de nome do galardón para lembrar ao neurólogo Miguel Blanco, falecido repentina e prematuramente en outubro de 2015. Blanco dirixía a Unidade de Ictus do CHUS e foi un estreito colaborador da Federación, que lle quixo render homenaxe incluíndo o seu nome no premio, que el mesmo recibiu no ano 2014.

O Premio FEGADACE-Miguel Blanco entrégase anualmente. É costume que a persoa galardonada sexa a que fai a entrega do premio o ano seguinte.

10º Premio FEGADACE-Miguel Blanco (2022): Discamino

Logotipo de DiscaminoO Premio FEGADACE - Miguel Blanco cumpre en 2022 unha década de vida, recoñecendo o compromiso cos dereitos e a inclusión do colectivo do dano cerebral adquirido da asociación Discamino.
 
A Xunta Directiva de FEGADACE valorou "o compromiso de Discamino cos dereitos e a inclusión do colectivo do dano cerebral adquirido, que se manifesta a través de diferentes accións e metodoloxías, e que comeza no mesmo momento de fundación da asociación, ao estar esta composta por persoas con e sen discapacidade". A Federación Galega de Dano Cerebral "agradece o especial esforzo de Discamino para a implicación nas súas iniciativas das persoas con dano cerebral adquirido, moitas delas participantes neses retos, facilitando o exercicio dos dereitos ao goce do lecer e á participación deportiva, fundamentais na recuperación e mantemento das persoas con dano cerebral adquirido, á hora de retomar e/ou reformular o seu proxecto vital, desde os puntos de vista físico, de autoestima, de inclusión, e outros".

 

9º Premio FEGADACE-Miguel Blanco (2021): SOGARMEF

Logotipo da SOGARMEFFEGADACE recoñeceu en 2021 o labor da Sociedade Galega de Medicina Física e Rehabilitación (SOGARMEF) na defensa e mellora da calidade de vida do colectivo do dano cerebral.

A Xunta Directiva valorou que SOGARMEF é un axente social colaborador do movemento asociativo do dano cerebral adquirido en Galicia que se consolidou en 2020 como unha aliada chave na persecución dos obxectivos principais de FEGADACE, as entidades membro, e as persoas e familias con dano cerebral galegas. Concretamente, contribuíu de maneira vital a: (i) propiciar a mellor información e formación das profesionais implicadas na atención ao dano cerebral (publicación sistemática de información de FEGADACE e dano cerebral nos seus medios propios); (ii) desenvolver actividades relacionadas coa divulgación do coñecemento sobre os aspectos médicos, sanitarios o sociais do dano cerebral adquirido (xornadas científicas); contribuír á incidencia política e reivindicación social para a defensa dos dereitos das persoas con cerebral e as súas familias (apoio fundamental no impulso e posta en marcha do Proceso Asistencial Integrado de dano cerebral en Galicia).

8º Premio FEGADACE-Miguel Blanco (2020): Fundación María José Jove

Logotipo da Fundación María José JoveA Fundación María José Jove comparte co movemento asociativo do dano cerebral un obxectivo chave: a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. O seu labor é especialmente salientable nos ámbitos do lecer sen barreiras, da inclusión social a través do deporte, e da sensibilización sobre a situación das persoas con discapacidade, cunha ollada sempre atenta ao colectivo do dano cerebral adquirido.

É por iso que a Federación Galega de Dano Cerebral decidiu concederlle o 8º Premio FEGADACE – Miguel Blanco. FEGADACE quere recoñecer o labor e o compromiso da Fundación María José Jove a través de programas como Esfuerza -de actividades deportivas adaptadas para todo tipo de discapacidades- e de iniciativas como a organización, en colaboración con ADACECO, dunha Xornada anual sobre o dano cerebral adquirido.

 

7º Premio FEGADACE-Miguel Blanco (2019): Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC

Equipo da Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades EspeciaisAs persoas con dano cerebral adquirido afrontan múltiples barreiras para gozar do seu dereito á saúde oral: despreocupación polas patoloxías bucais e as súas necesidades de tratamento, ansiedade ou medo aos tratamentos, dificultades de acceso (económicas e derivadas de barreiras físicas), falta de preparación das/os profesionais, escasas facilidades para o coidado da saúde oral, recursos insuficientes e pouca prioridade á hora de darlle resposta a estas necesidades a través de políticas públicas.

A Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que dirixe o doutor Pedro Diz Dios, naceu para garantir o dereito á información, prevención e coidado da saúde bucodental das persoas con diferentes discapacidades, e para evitar a particular incidencia que as patoloxías orais teñen neste colectivo pola súa situación de vulnerabilidade. É por iso que a Xunta Directiva da Federación Galega de Dano Cerebral decidiu concederlle o 7º Premio FEGADACE - Miguel Blanco, recoñecendo o coidado da hixiene bucodental que a Unidade leva prestando desde 1992 ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido en Galicia, e o seu labor divulgativo a favor dos dereitos das persoas con discapacidade e en contra das barreiras que dificultan o seu pleno acceso ao dereito á saúde.

As complicacións orais das persoas con dano cerebral son múltiples: problemas no coidado dental rutineiro, para mastigar e na deglución, que incrementan o risco de caries e a inflamación das enxivas; os conseguintes riscos a nivel nutricional; lesións derivadas de problemas condutuais; falta de autonomía e de información accesible para a toma de decisións sobre os tratamentos; falta de autoestima pola repercusión estética dunha boca pouco saudable; barreiras para acceder ás revisións e tratamentos odontolóxicos por falta de control da mobilidade, concentración ou hiperactividade; e un longo etcétera.

A Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais naceu para paliar as devanditas especificidades, así como as propias doutras discapacidades, garantindo o acceso a unha correcta saúde e hixiene oral, o que incrementa a autonomía e a autoestima da persoa con dano cerebral adquirido, repercutindo no seu bo prognóstico xeral de recuperación e/ou mantemento de capacidades.

6º Premio FEGADACE-Miguel Blanco (2018): INICO

Logotipo do INICOA Xunta Directiva de FEGADACE valorou "o labor desta institución, destacada a nivel nacional e internacional na investigación, docencia e difusión do coñecemento en materia de discapacidade", o seu obxectivo de "contribuír á mellora da calidade de vida e autodeterminación das persoas con DCA ao longo de todo o seu ciclo vital" e subliñou especialmente a elaboración da Escala CAVIDACE, unha ferramenta “pioneira no ámbito internacional polo seu enfoque de avaliación global da calidade de vida desde un enfoque psicosocial, que vai repercutir moi positivamente na mellora da práctica profesional coa poboación con DCA, o que, á súa vez, vai reverter no obxectivo principal das nosas accións: a mellora da calidade de vida das persoas con DCA”.

Logotipo do Instituto Universitario de Integración na Comunidade (INICO). O premio entrégase o 29 de setembro na Xornada sobre o DCA.

5º Premio FEGADACE-Miguel Blanco (2017): María Escario

Entrega V Premio FEGADACE - Miguel BlancoA súa valentía á hora de afrontar publicamente o ictus, a particular fortaleza amosada como muller con potenciais secuelas en forma de dano cerebral adquirido (DCA), e a naturalidade no retorno ao traballo e á normalidade despois da doenza, que serven de exemplo a todo o colectivo que representa FEGADACE, fixeron á xornalista María Escario merecedora do quinto galardón.

David Llorente, xefe provincial da DGT de Ourense (á dereita), xunto con Luciano Fernández, presidente de FEGADACE, no acto simbólico de entrega do V Premio FEGADACE - Miguel Blanco a María Escario.

4º Premio FEGADACE-Miguel Blanco (2016): Dirección General de Tráfico (DGT)

Entrega do IV Premio FEGADACE - Miguel BlancoRecollido por María Seguí, Directora Xeral da DGT. Recoñecemento polo labor de sensibilización para a prevención dos accidentes de tráfico e a drástica redución da sinistralidade viaria acadada grazas ás medidas e campañas da DGT.

A que era directora xeral da DGT, María Seguí, recolle o IV Premio FEGADACE - Miguel Blanco. De esquerda a dereita, María Isabel Pérez (Fundación Barrié), María Seguí, Fidel Castro (secretario de FEGADACE) e Susana Bembribe, viúva de Miguel Blanco.

3º Premio FEGADACE (2015): Fundación Barrié

Entrega do III Premio FEGADACERecollido por Javier López, Director Xeral, e por Isabel Pérez, Directora de Acción Social da Fundación Barrié. Motivado polo seu labor de apoio ao movemento asociativo do dano cerebral adquirido, que respaldou desde unha fase incipiente contribuíndo ao seu fortalecemento institucional e á visibilización das asociacións membro de FEGADACE e da discapacidade que representan, e axudando a incrementar a dimensión e a consolidar programas e servizos para a mellora da calidade de vida das familias e persoas con DCA.

Entrega do III Premio FEGADACE á Fundación Barrié. De esquerda a dereita: Javier López, Director Xeral da Fundación Barrié, José Balboa, presidente de FEGADACE, Amalia Diéguez, presidenta de FEDACE, e Mª Isabel Pérez, Directora de Acción Social da Fundación Barrié, co premio nas mans.

2º Premio FEGADACE (2014): Miguel Blanco, neurólogo e coordinador da Unidade de Ictus do CHUS

Entrega do II Premio FEGADACEFEGADACE agradeceu a implicación da Unidade de Ictus do CHUS, na altura a única en Galicia, e do seu director en particular, na prestación da mellor atención a pacientes e familiares, así como a eficacia no desenvolvemento do seu traballo ao iniciar a cadea da atención ao DCA salvando as vidas que, trala alta hospitalaria, reciben rehabilitación e apoio nas asociacións membro da Federación.

Clara de Sáa entrega a Miguel Blanco o II Premio FEGADACE.

1º Premio FEGADACE (2013): Convivir en Igualdade (Radio Galega)

Entrega do I Premio FEGADACERecollido por Clara de Sáa, condutora de Convivir en Igualdade. A Federación recoñeceu o particular esforzo do programa por comprender a situación tanto das persoas con discapacidade como das asociacións que as representan, e o empeño por informar e concienciar sobre a nosa diversidade e problemática á sociedade galega.

Entrega do I Premio FEGADACE ao programa Convivir en Igualdade, da Radio Galega. De esquerda a dereita, Pepe Carreira (locutor do programa), Clara de Sáa (condutora de Convivir en Igualdade) e Gloria Ferreiro (directora de programas da Radio Galega).