Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 04/10/2022 | Presentación de 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido'

Presentamos 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido' con Pepe Carreiro

Unha nova guía 'Os Bolechas' conta ás nenas e nenos como é a nosa discapacidade e cales son as súas causas.

04/10/2022 | Milladoiro | Ames

O mes de outubro está cheo de actividades para conmemorar o Día do Dano Cerebral. Este ano, tamén para nenas e nenos, que poderán coñecer mellor o dano cerebral adquirido grazas a Os Bolechas. E é que FEGADACE editou, coa axuda destes coñecidos personaxes, a guía 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido'.

O libro vaise presentar na Biblioteca do Milladoiro (Rúa Raxoeira, 14), no concello de Ames, o martes 25 de outubro. FEGADACE vai regalarlle o libro a todas as nenas e nenos que asistan, haberá contacontos, e contaremos coa presenza especial do autor, Pepe Carreiro, que asinará o libro da súa creación. O acto vai ser ás 17:30 e está dirixido especialmente a nenas e nenos de 0 a 6 anos.

A Federación Galega de Dano Cerebral editou este libro no marco dun proxecto financiado pola Deputación da Coruña a través da convocatoria FOCVAA 2022. Ademais de editar o libro, distribuíronse tres exemplares de 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido' en todos os centros de ensino infantil e primario e en todas as bibliotecas municipais da provincia da Coruña.

'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido' é unha nova guía de Os Bolechas na que a familia coñece a Mireia, unha nena que ten dano cerebral adquirido. Con ela aprenden cales son as causas desta discapacidade, como son as secuelas, que ela mesma presenta, e reciben algúns consellos para relacionarse coas amigas e amigos que teñen dano cerebral adquirido.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)