Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Prevención do dano cerebral adquirido

Na sección de proxectos pódense consultar as diferentes iniciativas e campañas de prevención do dano cerebral promovidas por FEGADACE.

Ictus

Galicia ten unha incidencia de ictus superior á media estatal que non para de medrar debido, sobre todo, ao envellecemento poboacional (a idade é un dos principais factores de risco do ictus), aínda que tamén aos cambios nos hábitos alimentarios, ao sedentarismo e a outros factores como o estrés.

A través dos seguintes consellos pódese axudar a mitigar os factores de risco do ictus:

Prevención do ictus

  • Controlar a presión arterial
  • Controlar o colesterol
  • Seguir os controis médicos e non se automedicar
  • Levar unha dieta equilibrada
  • Manter un peso saudable
  • Practicar exercicio con regularidade
  • Practicar técnicas de relaxación
  • Descansar e durmir ben
  • Limitar o consumo de alcol
  • Evitar o tabaco
  • Evitar o consumo de drogas
  • Exercitar o cerebro: aprender idiomas, debater, ler... calquera pequeno desafío intelectual axuda!

Todas estas pautas pódense resumir na seguinte: manter unha vida sana e activa a nivel físico e cognitivo.

Accidentes de tráfico

Cómpre seguir as normas de seguridade viaria que aconsellan a Dirección Xeral de Tráfico e outras entidades como Stop Accidentes:

  • Respectar os límites de velocidade
  • Non conducir baixo os efectos do alcol ou as drogas
  • Usar o cinto de seguridade
  • Conducir dentro dos límites da vía
  • Cumprir coas normas de circulación
  • Usar o casco nos vehículos de dúas rodas

Antes de emprender viaxes longas, é recomendable consultar o estado das estradas que se van transitar a través dos servizos informativos da DGT: páxina web, Twitter e o teléfono 011.

Accidentes laborais

A maioría de accidentes laborais que rematan provocando un dano cerebral adquirido son accidentes ‘in itinere’. Para evitalos cómpre seguir os mesmos consellos de seguridade viaria do apartado referente a accidentes de tráfico.

Outros consellos de utilidade para evitar accidentes no ámbito do traballo son:

  • Obedecer as normas derivadas da Lei de Prevención de riscos laborais.
  • Manter as medidas de seguridade e hixiene no traballo asignadas a cada posto.
  • Respectar as pausas e descansos que axudan a controlar o estrés laboral.

Caídas

Unha caída é a consecuencia de calquera acontecemento que precipita a unha persoa ao chan en contra da súa vontade. A idade acrecenta o risco de caídas; para previlas pódese:

  • Facer exercicio físico regularmente.
  • Preguntar ao médico sobre os efectos secundarios dos medicamentos e seguir os seus consellos.
  • Facer, cando menos, unha revisión ao ano de vista e oído.
  • Erguerse con coidado despois dun repouso prolongado.
  • Facer uso das axudas técnicas que recomendan os/as profesionais.
  • Retirar alfombras ou usar antideslizantes.
  • Cambiar a bañeira por un prato de ducha.
  • Lembrarse de prender a luz ao erguerse pola noite.
  • Suxeitar a cadeira no momento de sentar, para que non escape para atrás.
  • Agarrar o pasamáns para subir e baixar escaleiras.
  • Procurar non deixar obxectos tirados no chan.
  • Colocar os produtos de uso cotián o máis á man posible.
  • Empregar zapatos con sola de goma e que suxeiten ben o pé.
  • Ter coidado cos chans húmidos.
  • Escribir o número de emerxencias en grande e telo preto do teléfono, nun lugar visible.
  • Poñer o teléfono preto do chan.

Golpes no deporte

Os traumatismos causados por golpes no xogo e no deporte están detrás de boa parte dos casos de DCA que afectan ás persoas máis novas. Para evitalos débese:

  • Practicar o xogo limpo: manter un comportamento respectuoso co opoñente, árbitro e asistentes; non facer trampas e promover a convivencia e a deportividade.
  • Promover unha competición sa: primar os valores do xogo e da diversión por riba dos da competitividade, evitando a violencia.