© FEGADACE / EGSC | | A traballadora social de FEGADACE, Carla Miranda, nun dos vídeos de 'O experto responde'
Prevención, nutrición ou coidado do cerebro: un ano de 'O experto responde'
FEGADACE e a Escola Galega de Saúde para Cidadáns editaron cinco vídeos formativos ao longo de 2021.
A Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dependente da ACIS (Axencia de Coñecemento en Saúde), que á súa vez é un organismo do Sergas, leva un ano colaborando con FEGADACE na información e formación sobre diferentes aspectos relacionados tanto coa prevención como coa abordaxe do dano cerebral adquirido.
Vinculados a outras tantas efemérides, ambas entidades editaron cinco vídeos nos que os equipos profesionais das asociacións de FEGADACE responden a unha serie de preguntas relacionadas coa área temática seleccionada, dentro da sección 'O experto responde'.
Vinculados a outras tantas efemérides, ambas entidades editaron cinco vídeos nos que os equipos profesionais das asociacións de FEGADACE responden a unha serie de preguntas relacionadas coa área temática seleccionada, dentro da sección 'O experto responde'.
18 de abril, Día Europeo dos Dereitos das Pacientes
Este vídeo aborda unha relación de preguntas que se formula calquera familiar no momento do ingreso hospitalario por un ictus ou un traumatismo, que son as causas maioritarias do dano cerebral, dando unha serie de respostas que resumen os principais dereitos asistenciais e achegan orientación sobre o proceso a seguir para a volta á casa.
28 de maio, Día da Nutrición
Centrado na nutrición pero tamén na alimentación, este vídeo está dirixido a familias e persoas con dano cerebral adquirido, especialmente a aquelas que teñen dificultades de deglutición, como é o caso da disfaxia. Tamén expón a relación entre hábitos nutricionais e prevención do dano cerebral adquirido.
22 de xullo, Día do Cerebro
A peza publicada no Día do Cerebro recompila consellos para manter o cerebro activo, áxil e san, co obxectivo de previr o dano cerebral adquirido, e tamén achega orientación para continuar o seu coidado trala chegada desta discapacidade.
5 de novembro, Día da Persoa Coidadora
O dano cerebral afecta á persoa pero tamén á súa familia, que desde o movemento asociativo pedimos que sexa tamén obxecto do dereito de atención. As persoas coidadoras poden atopar nesta gravación respostas a como adaptarse á nova situación, buscar apoio e recursos, etc.
14 e 15 de novembro, Día da Diabetes e Día sen Alcol
O ictus non se pode evitar, pero si se pode previr intervindo sobre os seus factores de risco. Manter vixiada a diabetes ou a hipertensión a través duns hábitos saudables, que van desde a dieta e a práctica de exercicio a evitar o consumo de tóxicomos como o alcol, son mecanismos que reducen as probabilidades de ter un ictus.
A colección de vídeos tamén se pode atopar nesta lista de reprodución da canle de FEGADACE en Youtube: O experto responde.