Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 23/07/2018 | Sesión de terapia ocupacional en ADACECO

Primeiro estudo para a medición do impacto dos servizos de atención ao DCA

Iniciativa de FEGADACE co apoio das fundacións Barrié e Roviralta que desenvolven a USC e GEAccounting.

24/07/2018 | Santiago de Compostela

Unha das principais preocupacións de FEGADACE é afondar no coñecemento sobre a realidade do DCA a través do desenvolvemento de proxectos de investigación, co obxectivo de mellorar o coñecemento desta discapacidade para propoñer, e desenvolver, as solucións máis adecuadas para a situación das persoas e familias que conviven co dano cerebral.

Así, a Federación puxo en marcha un proxecto para a medición do retorno social do investimento en atención a persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias. A finalidade é calcular o retorno social e económico do investimento público en recursos e servizos de atención ao DCA, analizando programas e servizos executados polas asociacións federadas. Trátase, en definitiva, de afondar no coñecemento das necesidades reais deste colectivo para acadar unha asignación de recursos coherente.

Os profesores Alejandro Pan, da Universidade de Santiago de Compostela, e José Luis Retolaza, da Universidade de Deusto e director de GEAccounting (agrupación sen ánimo de lucro, conformada por universidades e institutos ligados á Universidade de Deusto), van capitanear este proxecto, para o que empregarán a metodoloxía da 'Monetización do valor social'.

Van deseñar, ao longo de 2018, unha metodoloxía integral e adaptada, na que, ademais de analizar o impacto social do investimento en atención ao DCA, formarán a profesionais de FEGADACE para emprender a análise de impacto dos servizos provistos polas asociacións membro de FEGADACE e dar cumprimento ao obxectivo de medición.

FEGADACE conta para este proxecto co apoio económico da Fundación Barrié e da Fundación Roviralta. Trátase da segunda ocasión na que ambas fundacións se implican no desenvolvemento dunha investigación sobre o DCA, despois do estudo sobre recursos de atención ao ictus que FEGADACE levou a cabo coa colaboración da Sociedade Galega de Neuroloxía. Os seus resultados vanse facer públicos coincidindo co Día Mundial do Ictus (29 de outubro).

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Investigación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)