Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Wikimedia Commons / Praza Pública | 22/12/2020 | Edificio administrativo de San Caetano, sede de Política Social

Publicada a estrutura orgánica da Consellería de Política Social da Xunta

Conformada por primeira vez unha dirección xeral de Atención Integral Sociosanitaria.

22/12/2020 | Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) do 17 de decembro fixo pública a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, o ente que xestiona e toma a maioría de decisións que afectan ás persoas e familias con discapacidade, así como do que dependen as normas que rexen o funcionamento dos centros que xestionan as asociacións de dano cerebral adquirido.

Así, a consellería que encabeza Fabiola García estrutúrase nos seguintes órganos de dirección: a Secretaría Xeral Técnica, a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, a Dirección Xeral de Inclusión Social, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

A principal novidade é a creación do órgano específico para a Atención Sociosanitaria, unha reivindicación de grande importancia para FEGADACE, pois implica sentar as bases para unha mellora da coordinación entre as áreas sanitaria e social, ambas implicadas na atención integral á persoa con dano cerebral desde a súa entrada no hospital por un ictus, un traumatismo, ou calquera outra das causas desta discapacidade.

O DOG recolle, ademais da definición das direccións, subdireccións e centros adscreitos, as funcións que competen a cada un destes organismos. O documento completo pode consultarse aquí.

Arquivada en:
Transparencia > Financiadores