Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Que é FEGADACE

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) constitúese en maio de 2007 polas cinco asociacións galegas de dano cerebral adquirido (ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, DCA Ourense e Sarela en Santiago). É unha organización non gobernamental, privada, independente, apartidista e aconfesional comprometida coa defensa dos dereitos das persoas con dano cerebral adquirido. FEGADACE está declarada Asociación de Utilidade Pública desde decembro de 2013.

FEGADACE persegue a defensa dos intereses e a mellora da calidade de vida dos galegos e galegas con dano cerebral adquirido e dos seus familiares. Pretende sensibilizar á sociedade en xeral con respecto á dimensión desta discapacidade, implicar ás institucións e cantas iniciativas se dirixan a resolver os retos da rehabilitación, inclusión e normalización social do colectivo.

Apoio e axuda despois do DCA

Desenvolve o seu labor dentro dos seguintes ámbitos de actuación:

  • Apoio e asistencia ás entidades federadas e familias de persoas con dano cerebral adquirido.
  • Información, sensibilización, divulgación e investigación sobre o dano cerebral.
  • Intervención e desenvolvemento de programas e proxectos dirixidos ás entidades federadas e ás persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias.
  • Captación de fondos.
  • Representatividade e incidencia política.

As asociacións en cifras

  ADACECO ADACE LUGO ALENTO DCA OURENSE SARELA TOTAL
PROFESIONAIS 18 9 55 9 32 123
SOCIOS/AS 459 236 268 245 719 2.017
SOCIOS/AS CON DCA 265 124 201 83 534 1.207
VOLUNTARIADO 3 2 21 6 16 48