Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 26/12/2022 | Blanca Cimadevila presenta o PAI na Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido

Que é o Proceso Asistencial Integrado do Dano Cerebral Adquirido en Galicia?

A Xornada sobre o Dano Cerebral de FEGADACE avanzou os contidos do documento organizativo do Sergas.

26/12/2022 | Galicia

Un Proceso Asistencial Integrado (PAI) é unha ferramenta elaborada para acadar a equidade nas prestacións e para coordinar a continuidade asistencial organizando os servizos e intervencións médicas en torno ao ou á paciente, para mellorar a súa eficacia e, como fin último, a calidade da atención recibida e, polo tanto, a saúde das persoas.

Ao longo de 2022 a Consellería de Sanidade elaborou, coa colaboración dun grupo de traballo do que tamén formaron parte profesionais de FEGADACE, o PAI do Dano Cerebral Adquirido en Galicia.

O Proceso Asistencial Integrado do Dano Cerebral Adquirido en Galicia está centrado na fase subaguda e ten como principal obxectivo acadar a máxima calidade de vida da persoa con dano cerebral adquirido, así como a súa autonomía e participación social, a través dos sucesivos plans individualizados de atención.

De xeito relacionado, o PAI vai promover a identificación das persoas que teñen dano cerebral baixo ese código (e non exclusivamente o da causa, como ata agora). Tamén pretende acadar a equiedade na atención e prestacións sociosanitarias, e garantir a coordinación e continuidade asistencial en todas as fases da atención. Pretende tamén acadar a participación de todos/as os/as profesionais (do sistema público e das asociacións de dano cerebral), e conseguir que as persoas con dano cerebral, as súas familias e as persoas coidadoras se sintan informadas e acompañadas durante o proceso.

A elaboración do documento contou coa implicación dun grupo de persoas con dano cerebral adquirido, que expuxeron a súa traxectoria e necesidades detectadas, e cun grupo de traballo multidisciplinar no que estiveron representados a totalidade de perfís profesionais implicados no percorrido que segue a persoa con dano cerebral adquirido: neuroloxía, enfermería hospitalaria, neurocirurxía, medicina intensivista, enfermería e medicina de atención primaria, fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, psicoloxía clínica, neuropsicoloxía, traballo social e educación social. Este grupo de traballo contou coa presenza do tecido asociativo, representado por FEGADACE e por Sarela.

O PAI na Xornada sobre o Dano Cerebral

A Xornada sobre o Dano Cerebral 2022 dedicouse á presentación do documento; representantes do Sergas anunciaron, precisamente, a finalización da revisión do PAI no primeiro trimestre de 2023, a realización dunha proba piloto nunha área sanitaria nos segundos tres meses, e a implantación en toda Galicia no segundo semestre do vindeiro ano. Accede aquí ao programa e aos contidos completos da Xornada.

María Blanca Cimadevila, médica e xefa de servizo de Integración Asistencial da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, foi a encargada de adiantar os contidos do documento no relatorio ‘Implantación do Proceso Asistencial Integrado ao Dano Cerebral Adquirido en Galicia’. Accede aquí ao relatorio.

Ademais, a mesa 'Organizando a atención integral ao dano cerebral adquirido en Galicia’ reuniu a un grupo de profesionais que participaron no grupo de traballo que colaborou coa Consellería de Sanidade na elaboración do PAI: José Luis Maciñeiras Montero (neurólogo, coordinador da Unidade de Ictus do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo), Jacobo Formigo Couceiro (especialista en Medicina Física e Rehabilitación no CHUAC e presidente da SOGARMEF), Lourdes Bermello López (enfermeira da Unidade de Neuroloxía do HULA e vogal da SEDENE), Rebeca Huerta Mareca (terapeuta ocupacional no HULA), Javier Sardiña Agra (facultativo especialista de Área Psicoloxía Clínica no CHUAC), Carmen de la Sierra (traballadora social, coordinadora da Ud. de Coord. de Dependencia da Consellería de Política Social) e Rocío García Calvo (psicóloga/neuropsicóloga e directora de Sarela). Na mesma mesa estiveron tamén representadas tamén as persoas con dano cerebral adquirido a través de Patricia Fernández González, de Sarela. Accede aquí á mesa.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Divulgación de coñecemento
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)