Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 23/08/2019 | Pedro Diz Dios, director da Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da USC

Recoñecemento á Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais

Pedro Diz, director do organismo, recollerá o 7º Premio FEGADACE - Miguel Blanco na Xornada sobre o DCA.

23/08/2019 | Santiago de Compostela

As persoas con dano cerebral adquirido afrontan múltiples barreiras para gozar do seu dereito á saúde oral: despreocupación polas patoloxías bucais e as súas necesidades de tratamento, ansiedade ou medo aos tratamentos, dificultades de acceso (económicas e derivadas de barreiras físicas), falta de preparación das/os profesionais, escasas facilidades para o coidado da saúde oral, recursos insuficientes e pouca prioridade á hora de darlle resposta a estas necesidades a través de políticas públicas.

A Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que dirixe o doutor Pedro Diz Dios, naceu para garantir o dereito á información, prevención e coidado da saúde bucodental das persoas con diferentes discapacidades, e para evitar a particular incidencia que as patoloxías orais teñen neste colectivo pola súa situación de vulnerabilidade. É por iso que a Xunta Directiva da Federación Galega de Dano Cerebral decidiu concederlle o 7º Premio FEGADACE - Miguel Blanco, recoñecendo o coidado da hixiene bucodental que a Unidade leva prestando desde 1992 ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido en Galicia, e o seu labor divulgativo a favor dos dereitos das persoas con discapacidade e en contra das barreiras que dificultan o seu pleno acceso ao dereito á saúde.

As complicacións orais das persoas con dano cerebral son múltiples: problemas no coidado dental rutineiro, para mastigar e na deglución, que incrementan o risco de caries e a inflamación das enxivas; os conseguintes riscos a nivel nutricional; lesións derivadas de problemas condutuais; falta de autonomía e de información accesible para a toma de decisións sobre os tratamentos; falta de autoestima pola repercusión estética dunha boca pouco saudable; barreiras para acceder ás revisións e tratamentos odontolóxicos por falta de control da mobilidade, concentración ou hiperactividade; e un longo etcétera.

A Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais naceu para paliar as devanditas especificidades, así como as propias doutras discapacidades, garantindo o acceso a unha correcta saúde e hixiene oral, o que incrementa a autonomía e a autoestima da persoa con dano cerebral adquirido, repercutindo no seu bo prognóstico xeral de recuperación e/ou mantemento de capacidades.

O doutor Pedro Diz Dios recollerá o 7º Premio FEGADACE - Miguel Blanco na Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido, que a Federación organiza o 28 de setembro en Compostela. Como é habitual, realizará a entrega o premiado do ano anterior, que neste caso é Miguel Ángel Verdugo, director do INICO. A inscrición é aberta ata completar aforo e gratuíta, e pode tramitarse neste formulario.

Arquivada en:
A Federación > Proxectos > Premio FEGADACE - Miguel Blanco
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)