Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Renacer | 06/09/2021 | Sesión formativa de 'Stop fenda dixital' en Renacer

Retomamos o programa de alfabetización en novas tecnoloxías 'Stop Fenda Dixital'

As sesións formativas para familias e para persoas con dano cerebral continúan ata novembro.

06/09/2021 | Galicia

O programa Stop Fenda Dixital, que FEGADACE desenvolve no marco dos programas financiados grazas ás persoas contribuíntes que marcan a X Solidaria, foi ideado como consecuencia do confinamento derivado da pandemia do coronavirus co obxectivo de formar á base social das asociacións de dano cerebral no uso das novas tecnoloxías. Familiares, coidadores e coidadoras, e persoas con dano cerebral son colectivos moi afectados pola fenda dixital, unha circunstancia agravada polo traslado ao eido virtual de múltiples trámites, actividades e mecanismos de socialización por causa da COVID-19, co obxectivo de previr contaxios.

Así, FEGADACE e as súas asociacións concibiron este proxecto que conta con dúas liñas. A primeira delas consiste na dotación dun banco de produtos tecnolóxicos -portátiles, tablets, smartphones- para o seu préstamo ou doazón ás familias que non dispoñen dos mesmos. A segunda é a formación e capacitación para o seu uso.

Este programa formativo está a desenvolverse de maneira presencial nas cinco asociacións de FEGADACE. Iniciouse en xuño, parou en agosto, e retomouse este mes para finalizar en novembro. Cada entidade federada recibirá un total de 10 sesións formativas dirixidas a grupos dunhas dez persoas.

O itinerario formativo, impartido pola Fundación Esplai, inclúe contidos que van desde o uso do smartphone (principais apps, entender a tarifa, facer e recibir chamadas...); a familiarización cos servizos de Google; a comunicación e navegación por internet -incluíndo do manexo do correo electrónico a nocións de accesibilidade, de privacidade ou de redes sociais-; o coñecemento das principais aplicacións de comunicación -tipo WhatsApp, Zoom ou Skype-; e o acceso a recursos formativos e lúdicos.
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Accesibilidade e TIC
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)