Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 04/10/2023 | Acción do Grupo de Detección de Barreiras

Rumbo impulsa a participación activa e transversal das persoas con dano cerebral

As actividades de promoción da autodeterminación desenvoltas involucran a 56 integrantes do colectivo.

04/10/2023 | Santiago de Compostela

A capacidade de decisión é unha condición imprescindible para que calquera persoa poida vivir de forma independente. Por este motivo, unha das áreas de actuación do ‘Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’ son os servizos de apoio comunitario para a participación e promoción da cidadanía activa.
 
Desde que se puxo en marcha a iniciativa, desenvolta de forma colaborativa por 22 entidades de cinco comunidades autónomas, FEGADACE deseñou e coordinou catro áreas de actuación destinadas á creación de mecanismos, espazos e redes de socialización comunitaria, na que se involucraron 56 persoas.

Rede Galega de Cidadanía Activa

Unha das accións máis ambiciosas e innovadoras é a creación dunha rede autonómica de persoas con DCA orientada a favorecer a súa autodeterminación.
 
Actualmente, dentro do movemento asociativo do colectivo existen algúns grupos que, baixo diferentes denominacións teñen como obxecto deseñar, identificar e traballar en accións de incidencia e participación cidadá que permitan ás persoas con DCA participar activamente nas diferentes dimensións das súas vidas. Porén, estes instrumentos aínda non están xeneralizados entre o colectivo e, entre os existentes, non hai mecanismos de traballo común.
 
Para sumar forzas, promover o activismo sociopolítico das persoas con DCA e incentivar e apoiar a loita pola garantía dos dereitos do colectivo, FEGADACE traballa na constitución de grupos de participación cidadá en todas as asociacións, un paso previo imprescindible antes da creación dunha Rede Galega de Cidadanía Activa.
 
Con este fin, entre xuño e xullo profesionais de FEGADACE coordinaron cinco grupos focais, nos que participaron 25 persoas das cinco asociacións da Federación (sete de ADACECO, seis de Alento, cinco de DCA-Ourense, catro de ADACE-Lugo e tres de Sarela). Nestes encontros convidouse a participar a todas as persoas usuarias das entidades interesadas e realizouse unha diagnose de necesidades, coñecendo o modelo organizativo e as actividades que realizan os grupos xa existentes en Sarela (chamado en ‘Primeira Persoa) e Alento (denominado ‘Autoxestores’)e analizando as expectativas ante o potencial novo instrumento.
 
Trala avaliación do expresado nestes encontros, o proceso continúa en marcha, sendo o próximo paso a dar a elaboración duns estatutos o regulamento interno dos grupos que integrarán a futura Rede, cuxa constitución e presentación pública se realizará nos próximos meses.
 

Detección de barreiras para o ocio na comunidade

Outra da accións orientadas a promover a participación no contorno sociocomunitario das persoas con DCA foi a creación dun Grupo de Detección de Barreiras. Conformado por tres persoas de Ferrolterra, persegue formar e reflexionar sobre a accesibilidade física, cognitiva e sensorial, e a súa implicación na vida diaria das persoas; facilitar a participación na comunidade e a realización de actividades de ocio colectivas; e incentivar a vinculación entre as persoas con DCA da comarca.
 
Para levar adiante estes propósitos, o grupo reúnese cada mes e medio, aproximadamente, e realiza percorridos en espazos públicos e visitas a equipamentos culturais e de ocio para avaliar a súa accesibilidade. A través da observación participante, as persoas con DCA recollen información e toman fotografías para, posteriormente, con apoio de profesionais de FEGADACE, elaborar un informe de diagnose con recomendacións para a eliminación dos obstáculos detectados.
 
Ademais, ao tratarse dunha dinámica que implica, xunto coa avaliación crítica, un tempo destinado especificamente á convivencia e ao tempo de ocio nun ambiente distendido, favorécese a socialización e a xeración de lazos entre as persoas participantes.

Deporte inclusivo

O programa de natación para persoas con dano cerebral, que se desenvolve desde setembro de 2023 e até xullo de 2024, conta con 13 participantes. O 16 de setembro a piscina de Brión acolleu o primeiro dous dous encontros previstos para que voluntarios da asociación Arousaman compartan coñecementos técnicos con profesionais de terapia ocupacional e fisioterapia de Sarela. Estas últimas serán as encargadas de dirixir os adestramentos coas persoas usuarias, que comezarán en novembro e realizaranse semanalmente na piscina de Teo. O obxectivo é que as participantes no programa participen no verán de 2024 nunha travesía en augas abertas de carácter inclusivo.
 
Ademais, dentro do convenio de colaboración co CDR O Viso, 15 persoas participan nunha actividade de boccia. Esta modalidade deportiva paralímpica creada inicialmente para persoas con parálise cerebral, estase a adaptar para que poidan participar persoas con diferentes diversidades funcionáis, entre as que se atopan as persoas con DCA.
 

Campaña de ocio inclusivo

No mes de novembro lanzarase unha campaña de sensibilización sobre ocio inclusivo e dano cerebral dirixida ao conxunto da poboación. Como soporte da mesma, elaboráronse trípticos, carteis e un pequeno vídeo informativo con recomendacións para eliminar as principais barreiras de accesibilidade e participación que enfrontan as persoas con DCA, que serán difundidos entre axentes públicos e privados con competencias nos equipamentos culturais e programación de actividades de ocio. Ademais, está previsto organizar actividades e sesións de sensibilización, das que se informará nos próximos días.
 

Arquivada en:
Que facemos > Vida independente
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)