© Consellería de Sanidade | 29/10/2023 | Código Ictus 2023
A Consellería de Sanidade presenta a actualización do Plan de Asistencia ao Ictus
Desde a súa posta en marcha en 2016, activáronse 15.332 códigos ictus en Galicia.
O venres 27 de outubro, a directora de FEGADACE, Begoña Hermida, e representantes das entidades integrantes da Federación, acudiron á presentación da Actualización do Plan de Asistencia ao Ictus en Galicia, cuxo obxectivo é a asistencia en tempo e forma das persoas con esta patoloxía.
Durante o acto, organizado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, expuxéronse as novidades para a mellora na atención das persoas que experimentan un accidente cerebrovascular a partir da posta ao día do coñecido como 'Código Ictus', implantado en 2016. Desde entón, segundo sinalou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, activáronse 15.332 códigos ictus e rexistráronse 3.072 fibrinólises intravenosas e 2.070 trombectomías mecánicas.
O traballo de actualización do documento, realizado por un grupo de traballo liderado por Raquel Vázquez Mourelle, subdirectora xeral de Atención Hospitalaria e formado, entre outros, por persoal facultativo especialista en neuroloxía, radiodiagnose e enfermaría, profesionais de urxencias hospitalarias e do 061, xorde do proceso de mellora promovido polos últimos avances na diagnose por neuroimaxe e polas melloras no tratamento endovascular.
Entre os cambios recollidos na posta ao día do citado plan, destaca a redución dos criterios de exclusión do 'Código Ictus', o proceso asistencial orientado á identificación e ao manexo do paciente con ictus agudo no menor tempo posible. Segundo as novas pautas, só se descartarán pacientes en situación terminal e pacientes con gran dependencia funcional.
No que se refire ao plan de actuación hospitalaria, actualízase o sistema de triaxe, incorporándose discriminadores específicos, atá o de agora inexistentes, para reducir os tempos de espera de pacientes con ictus.
Tamén é significativa a ampliación da ventá terapéutica , é dicir, do número de horas nas que é posible minimizar o tamaño do infarto cerebral, mediante actuacións médicas especializadas, nas que destacan os avances das técnicas de neuroimaxe. En concreto, auméntase até as 24 horas a posibilidade de realizar trombectomías (é dicir, a extracción de trombos que bloquean a circulación do sangue) e alárgase o tempo do tratamento endovascular.
Ademais, na inaguración desta xornada informativa, García Comesaña avanzou que a Xunta de Galicia traballa na posta en marcha de dúas unidades de ictus en Lugo e Ourense, que posibilitarán o tratamento de patoloxías que ata o momento se derivaban a outros centros sanitarios. Estas unidades, que xa contaban con equipos de ictus, poderán realizar trombectomías grazas á adquisición de dous equipos de neurorradioloxía intervencionista.
Problema de saúde prioritario
Segundo datos da Sociedade Española de Neuroloxía, en Galicia prodúcense arredor de 7.000 novos casos de ictus cada ano. A patoloxía cerebrovascular é a primeira causa de mortalidade en mulleres e a segunda en homes, cunha incidencia anual duns 150-250 casos novos por 100.000 habitantes e ano e unha taxa de mortalidade de 24-84 mortes por 100.000 habitantes e ano. Ademais, esta enfermidade comporta unha gran morbilidade, e é a principal causa de discapacidade permanente na idade adulta e a segunda de demencia.
No ano 2022, nos hospitais do Servizo Galego de Saúde, segundo os datos do Conxunto Mínimo Básico de Datos de Hospitalización de Agudos (CMBD-HA) de Galicia, producíronse un total de 6.937 altas con diagnóstico principal de ictus, o que representa o 2,8% de todas as altas hospitalarias. Estas repártense practicamente á metade entre os sexos: 52,8% en homes e 47,2% en mulleres. En canto á distribución por idade, practicamente o 80,4% dos casos producíronse en pacientes de 65 ou máis anos.
En canto á incidencia segundo a tipoloxía, o pasado ano rexistráronse 4.262 episodios de ictus isquémicos (o 62,7 % do total) e e 1.480 episodios de ictus hemorráxicos ( o 21,7% do total).
Entre os datos compartidos durante a xornada que subliñan a necesidade de intensificar os labores informativos e de sensibilización está o tempo que pasa entre que unha persoa é consciente de que pode ter un ictus até que chama ao 061: en 2023, a media é de 254 minutos, o que supón un aumento de 50 minutos respecto aos datos rexistrados en 2021.