Charlas informativas 'O dano cerebral adquirido'
Ciclo de charlas informativas sobre o dano cerebral adquirido en zonas rurais de toda a xeografía galega. O obxectivo é chegar á poboación máis aillada e envellecida para darlle a coñecer temas como as causas e factores de risco do DCA, como actuar no caso de que se produza un ictus, e cales son os recursos de atención e rehabilitación máis próximos e os dereitos que teñen as persoas e familias nesta situación.
Financiamento: Consellería de Política Social a través da asignación tributaria do 0,7% do IRPF
Execución: marzo-decembro 2019
Xornada sobre o DCA
Encontro de perfil científico-académico destinado a xerar e transmitir coñecemento sobre o dano cerebral adquirido a través das conferencias de especialistas en diferentes materias directa e indirectamente relacionadas co DCA.
A #XornadaDCA é tamén o marco no que se fai entrega, cada ano, do Premio FEGADACE - Miguel Blanco.
Financiamento: Convenio coa Consellería de Política Social
Execución: anual
Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido
Un ictus ou un accidente de tráfico son cuestión de segundos. Un 'punto e seguido' para o que virá despois. Secuelas visibles e invisibles. Orgánicas, físicas, sensoriais, cognitivas, emocionais, condutuais, económicas, sociais. Pero tamén apoio, rehabilitación, novos proxectos de vida, novas relacións, novas leccións, novos gustos e intereses.
Con este traballo a Federación e as asociacións de dano cerebral queren achegar a toda a cidadanía á realidade das persoas con DCA a través dunha serie de curtametraxes e dunha exposición fotográfica que percorre as principais cidades de Galicia.
#puntoeseguido
Financiamento: Deputación da Coruña e Obra Social La Caixa
Execución: 2017-2018-2019
Que sabemos do ictus?
Banda deseñada creada polo ilustrador Miguel Gallardo para sensibilizar ao público adolescente sobre a realidade do DCA e a prevención do ictus, a súa principal causa. Este documento presentouse a través dunha serie de obradoiros en cinco centros de ensino secundario da Coruña e Santiago, realizados a finais de 2016.
Financiamento: Deputación da Coruña
Execución: 2016
Ictus, a principal causa do dano cerebral adquirido (II)
Cartel e folleto nos que se subliña a necesidade de coñecer os síntomas de alarma do ictus para a prevención do dano cerebral adquirido. Recibir o tratamento nas catro primeiras horas desde que se produce o ictus é fundamental para evitar a cantidade e intensidade das súas potenciais secuelas. Estas, cando se cronifican, constitúen o dano cerebral adquirido. Así, perante os seguintes síntomas, cómpre actuar canto antes chamando ao 112 ou ao 061:
- Dor de cabeza aguda e repentina
- Parálise lateral
- Dificultade para falar ou para endenteder o discurso oral
FEGADACE distribuíu 600 carteis e 8.000 folletos nos centros de saúde, hospitais e locais socioculturais das áreas sanitarias da Coruña e de Santiago.
Financiamento: Deputación da Coruña
Execución: 2015
Ictus, a principal causa do dano cerebral adquirido (I)
Vídeo destinado a promover o coñecemento dos síntomas de alarma do ictus enfatizando a idea de que "tempo é cerebro", de que cómpre actuar canto antes para evitar a chegada do DCA.
Financiamento: Deputación da Coruña
Execución: 2014
Eu podería ter dano cerebral
Campaña destinada a facer á poboación tomar conciencia da principal particularidade do DCA como discapacidade: o feito de ser adquirida, de que se pode presentar na vida de calquera persoa en calquera momento. FEGADACE chamou a varias persoas membro de entidades colaboradoras, financiadoras e amigas para que protagonizasen este vídeo, no que afirman que calquera "pode ter dano cerebral".