Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 04/04/2019 | X humano na Praza da Quintana (Compostela)

Un gran 'X' humano anima a marcar o cadro de fins sociais na Declaración da Renda

Cubrir a casiña 'Actividades de interese social' non custa nada: nin pagas máis, nin che devolven menos.

04/04/2019 | Santiago de Compostela

Santiago de Compostela acolleu onte a presentación da nova campaña da 'X Solidaria', que este ano reuniu a máis de 200 persoas que "debuxaron" sobre o chan da Praza da Quintana a forma da casiña onde insertaron un xigante X, visibilizando así a importancia de marcar o cadro de fins sociais na Declaración da Renda.

Moitas destas persoas beneficiarias incidiron durante o acto na importancia de marcar o recadro 106 de 'Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social' na declaración, pois "trátase dun simple xesto que non custa nada, e que axuda a moitas persoas a través de programas tan diversos como atención de persoas sen fogar, persoas con discapacidade, maiores, mulleres en dificultade social, vítimas de violencia de xénero... É moi importante que nos consideremos protagonistas do cambio das persoas. Marcando a X Solidaria, somos partícipes do cambio social".

A vicepresidenta de EAPN-Galicia, Mónica Permuy, e o presidente do CERMI Galicia, Iker Sertucha, explicaron neste acto a importancia de marcar a X, "que beneficia directamente a milleiros de persoas en Galicia como as que hoxe están aquí".

En palabras de Mónica Permuy, "hoxe as organizacións que representamos ao Terceiro Sector galego queremos facer un chamamento á cidadanía para que marque o recadro do X Solidario. Como sabedes, a Administracion ofrécenos a posibilidade de decidir a que queremos destinar unha parte do diñeiro que se recada cos nosos impostos. En concreto o 0,7%. Esa porcentaxe irá destinado a facer proxectos sociais para as persoas en risco de exclusión social. España é un dos países con máis desigualdades dentro da Unión Europea. Hai 13 milllóns de persoas que están en situación de pobreza e se todas as persoas que non marcan a X Solidaria o fixeran, poderíamos recadar 12 millóns de euros máis".

Pola súa banda, o pesidente do CERMI, Iker Sertucha, incidiu na "necesidade de manter a calidade e filosofía destes fondos de acción social" que dende o ano pasado xestiona a Xunta de Galicia. "É unha boa nova que permitirá unha maior proximidade ás persoas e ás necesidades, pero para iso débense manter os criterios do presente modelo. Nós queremos instar, en primeiro lugar, a que o 100% do diñero vaia íntegramente destinado a Política Social. En segundo lugar, que estes cartos sigan estando destinados a ONGs inscritas e recoñecidas na nosa comunidade autónoma, e, en terceiro lugar, que haxa menos burocracia na documentación e que no último trimestre do ano sexa comunicada a resolución e ingresados os cartos para poder poñer en marcha os proxectos".

Tanto as persoas beneficiarias que se concentraron na Praza da Quintana como as persoas responsables das ONG organizadoras coincidiron en destacar que se trata "dun dereito que temos todas e todos: escoller a onde van a parar os nosos impostos. O que se pretende con esta campaña é animar á xente a que marque o recadro de 'Actividades de interese xeral', porque non estaremos pagando máis impostos, nin recibiremos menos cartos no caso de devolución: o que faremos será contribuir á organización de programas e proxectos para as persoas en risco de excusión social".

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > X Solidaria