Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 02/04/2020 | Acto celebrado o pasado ano na Praza da Quintana

A X Solidaria chega este ano aos balcóns e xanelas de toda Galicia

Marcar a X Solidaria non custa nada: nin pagas máis, nin che devolverán menos.
 

02/04/2020 | Santiago de Compostela

Onte comezou o prazo para presentar a Declaración da Renda, e con el a “X Solidaria”, a campaña que nace das entidades sociais para animar aos contribuíntes a marcar o recadro de “Fins Sociais” (o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social” . A Administración permite aos contribuíntes decidir a que queren destinar un 0,7% do diñeiro que se recada cos seus impostos. Estes fondos destínanse integramente a realizar programas que benefician ás persoas en exclusión social ou pobreza a través das organizacións de acción social.

En Galicia, a campaña recadou no 2019 17.463.833 de euros, grazas ás 716.201 persoas que marcaron a X Solidaria na súa declaración. Foron 14.564 persoas máis que no 2018, o que permitiu ampliar a recadación 956.620 € . Aínda así, 604.246 contribuíntes seguen sen marcar a X Solidaria e, se o fixeran, a asignación final en Galicia sería de 29.483.834 Euros (12.020.001 € máis).

Nestes días, profesionais e persoas voluntarias de moitas ONG están a prestar un servizo esencial na loita contra o COVID-19 e seguirano facendo cando remate a pandemia, apoiando ás persoas máis vulnerables e defendendo os seus dereitos. Un traballo que é posible, en gran parte, grazas a quenes marcaron a X Solidaria na súa Declaración da Renda.

Con motivo das especiais circunstancias que estamos a vivir este ano, as entidades sociais queren animar a toda a cidadanía a que dende o 2 de abril enchan as redes sociais, as xanelas e os balcóns das súas vivendas con carteis animando a marcar a X Solidaria, para despois subir unha foto ás redes coas etiquetas #XSolidaria e #1MillonDeRazones. Esta iniciativa servirá para expresar todo o que se pode conseguir marcando a X Solidaria ao tempo que se pon en valor o traballo de miles de persoas que traballan ou son voluntarias en organizacións de acción social.

 

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > X Solidaria