Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 20/10/2022 | Curso sobre atención no fogar en Xinzo

Xinzo acolle un curso para coidadores/as sobre atención no fogar ao dano cerebral

Diríxese tanto a persoal dos Servizos de Axuda no Fogar como a familiares e coidadores/as informais.

20/10/2022 | Xinzo de Limia

Os traballadores e traballadoras responsables da atención e coidado no fogar de persoas con dano cerebral adquirido son o público principal ao que se dirixe unha nova acción formativa organizada pola Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) en colaboración coa Escola Rural de Saúde da Limia. Co título ‘Atención no fogar de persoas con dano cerebral adquirido’, esta formación vai estar impartida por profesionais da Federación co obxectivo de mellorar a calidade de vida do colectivo de persoas con esta discapacidade a través da capacitación do persoal que se fai cargo do seu coidado a domicilio. Por este motivo, o curso diríxese tamén a familiares e persoas coidadoras informais, non profesionais.
 
O curso vai ter lugar na Casa da Cultura de Xinzo de Limia (Praza Carlos Casares, 1º, Aula 2), é gratuíto e para inscribirse cómpre chamar a este número de teléfono: 603 78 44 35.
 
Está distribuído en tres sesións: o xoves 27 de outubro de 16:30 a 19:00; o xoves 3 de novembro, tamén de 16:30 a 19:00; e o sábado 5 de novembro de 10:00 a 13:00.
 
A formación sobre ‘Atención no fogar de persoas con dano cerebral adquirido’ vai combinar teoría e práctica para tratar os seguintes asuntos de importancia para o persoal dos Servizos de Axuda no Fogar: ‘Detección do dano cerebral’; ‘Pautas para avaliar a evolución da persoa con dano cerebral’; ‘Comunicación coa persoa con dano cerebral e habilidades comunicativas’; ‘Alteracións cognitivas e condutuais’; ‘Transferencias e cambios posturais’; ‘Alimentación, deglutición e medicación’; ‘Tratamento da intimidade e da privacidade’; ‘Hixiene, curas e prevención de úlceras’; e ‘Acompañamento no tempo libre e actividades de lecer’.
 
Esta actividade enmárcase na ‘Escola Dano Cerebral’ que FEGADACE impulsa, tanto online como presencialmente, para mellorar a especialización e capacitación dos coidadores e coidadoras e tamén dos equipos profesionais responsables da atención a persoas con dano cerebral e incrementar, dese xeito, a calidade dos coidados que reciben, redundando no fin último da Federación: mellorar a calidade de vida do colectivo. A formación tamén redunda positivamente nas mesmas persoas coidadoras, que aprenderán técnicas que limitarán o seu desgaste, tanto físico como emocional, derivado do labor de atención a unha persoa con dano cerebral.
 
A organización da actividade conta coa colaboración da Escola Rural de Saúde da Limia, da Escola Galega de Saúde para Cidadáns e da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.
 
Trátase da segunda colaboración da Federación coa Escola Rural de Saúde da Limia, trala organización dun ciclo de sesións informativas en diferentes lugares da comarca os días 17, 18 e 19 de outubro.
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)