Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 21/08/2019 | Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido 2019

#XornadaDCA: 'Información e toma de decisións: unha mirada desde a ética'

Premio FEGADACE-Miguel Blanco para a Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais.

21/08/2019 | Santiago de Compostela

A abordaxe do dano cerebral adquirido (DCA), sexa desde unha perspectiva social ou sanitaria, implica a toma de decisións difíciles en situacións de especial vulnerabilidade para a persoa directamente implicada, para a súa familia, e para os equipos profesionais implicados na atención. Dispoñer de información clara e accesible e do acompañamento e apoio técnico necesarios é fundamental para o correcto exercicio dos dereitos das persoas e familias con dano cerebral.

Á Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), como entidade de referencia desta discapacidade e representativa de máis de 1.700 familias en Galicia, preocúpalle que os procesos de deliberación se realicen baixo criterios éticos, que se deben manter, asemade, á hora de informar sobre calquera aspecto desta discapacidade. É por iso que dedica a súa Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido de 2019 á reflexión sobre ‘Información e toma de decisións: unha mirada desde a ética’.

Nesta #XornadaDCA tamén se vai facer entrega do 7º Premio FEGADACE - Miguel Blanco á Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que recollerá o seu director, o catedrático de Estomatoloxía Pedro Diz Dios.

O encontro vai ter lugar na mañá do sábado 28 de setembro na Facultade de Filosofía da USC, en Santiago de Compostela, de 9:00 a 14:45 hh.

Ética para a atención e tamén para a comunicación

O programa comeza ás nove e media da mañá coa intervención do psicólogo clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), especialista en Bioética e estreito colaborador do movemento asociativo do DCA, Miguel Anxo García Álvarez, que vai reflexionar sobre ‘Como protexer o que é valioso en situación de conflito ético?’, achegando a súa experiencia na atención directa e como membro do Comité de Bioética do CHUS.

A continuación a profesora da Universidade de Deusto María Jesús Goikoetxea vai introducir ‘O papel dos comités de ética en servizos sociais’ (10:30), unha figura que aínda non está implantada en Galicia, onde os comités de ética se limitan ao ámbito sanitario. Goikoetxea é doutora en Dereitos Humanos e máster en Bioética e en Ética para a construción social.

O incipiente interese por informarse sobre saúde a través da internet tamén está suxeito a riscos éticos. É por iso que está prevista unha intervención (12:30) sobre ‘Saúde na Rede. Como diferenciar a información veraz dos bulos?’, que vai conducir María José Cachafeiro. É farmacéutica, forma parte da Asociación de Investigadores en eSalud (AIES) e do equipo de “cazabulos” da iniciativa #SaludsinBulos, na que profesionais da sanidade, pacientes e xornalistas se unen para combater as mentiras sobre saúde e pseudoterapias na rede.

Pechará a Xornada o profesor e investigador da Escola Andaluza de Saúde Pública José Luis Bimbela (13:30), cunha sesión sobre ‘Ética práctica para unha mellor comunicación no ámbito socio-sanitario’. Bimbela é doutor en Psicoloxía, máster en Saúde Pública, e está especializado na aplicación de técnicas emocionais, de comunicación e de motivación para axudar a coidar ás persoas que coidan, contribuíndo a evitar o estrés ou “queime” que se sofre tanto a nivel de intervención profesional como a nivel de coidado informal no ámbito familiar.

Inscrición aberta e gratuíta

A Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido está dirixida a profesionais do ámbito sanitario, da intervención social, da reflexión filosófica ou da comunicación, estudantado das mesmas áreas, familiares e persoas con dano cerebral adquirido, ao contorno asociativo da discapacidade e das agrupacións de pacientes, e a calquera outra persoa interesada.

A inscrición é aberta e gratuíta ata completar o aforo do Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC. Para tramitala cómpre cubrir este formulario online.

Entrega do 7º Premio FEGADACE – Miguel Blanco

Durante a mañá vai ter lugar o acto de entrega do 7º Premio FEGADACE – Miguel Blanco á Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC. A Xunta Directiva de FEGADACE decidiu recoñecer “o coidado da hixiene bucodental que a Unidade leva prestando desde 1992 ao colectivo de persoas con DCA en Galicia, e o seu labor divulgativo a favor dos dereitos das persoas con discapacidade e en contra das barreiras que dificultan o seu pleno acceso ao dereito á saúde”.

A Unidade naceu para paliar a especial vulnerabilidade e risco para a saúde dental que teñen as persoas con discapacidade, garantindo o acceso a unha correcta hixiene oral, o que incrementa a autonomía e a autoestima da persoa con dano cerebral adquirido, repercutindo no seu bo prognóstico xeral de recuperación e/ou mantemento de capacidades.

Vai recoller o galardón o director da Unidade e catedrático de Estomatoloxía da USC Pedro Diz Dios, que realizará unha intervención sobre traxectoria da entidade e o dereito á saúde oral. A Federación comprácese en anunciar que a entrega vai ser realizada por Miguel Ángel Verdugo, catedrático de Psicoloxía da Discapacidade e director do Instituto Universitario de Integración na Comunidade (INICO) da Universidade de Salamanca, entidade premiada en 2018.

Arquivada en:
A Federación > Proxectos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)