Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Galegas 8M | 02/03/2020 | Imaxe da convocatoria de Galegas 8M

Xornada 'Mulleres con discapacidade ante a violencia. Estamos protexidas?'

Organizada pola Comisión de Mulleres do Cermi Galicia con motivo do Día Internacional da Muller.

02/03/2020 | Santiago

Con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora o vindeiro 8 de marzo, a Comisión da Muller do CERMI Galicia, da que forma parte FEGADACE, organiza a xornada 'Mulleres con discapacidade ante a violencia. Estamos protexidas?'. O movemento asociativo do dano cerebral participará nesta actividade, a través da directora de Sarela, Rocío García, que intervirá nunha das mesas que compoñen esta xornada.

O evento, que se celebrará o vindeiro martes 10 de marzo na Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES), en Santiago de Compostela, contará coa inauguración a cargo da Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, a Concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Noa Díaz, e do Presidente do CERMI Galicia, Iker Sertucha.

A continuación, terá lugar a primeira das conferencias, moderada por Laura Seara, Asesora Nacional da Fundación CERMI Mulleres, e que levará por título 'Muller con discapacidade: protección ante a violencia'. Nesta primeira parte da xornada, as persoas asistentes poderán escoitar a Rosalina Carrera, Fiscal Delegada Autonómica de Violencia de Xénero de Galicia, a Alejandra Domínguez, Policía Xudicial da Unidade de Atención a Familia e Muller da Policía Nacional de Santiago de Compostela e a Mª Concepción Rodríguez, Terapeuta do Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres que sofren violencia de xénero do Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia.

A segunda parte desta actividade está dirixida a amosar experiencias de mulleres con discapacidade ante a violencia, en primeira persoa ou a través das profesionais que traballar nas entidades do ámbito social. Ademais da directora de Sarela, que explicará a experiencia no acompañamento dun caso de violencia en mulleres con dano cerebral adquirido, a mesa redonda contará coa participación de Isabel Quintairos, de Saúde Mental Feafes Galicia, de Mª Carmen González, da FAXPG, e a testemuña dunha muller con Trastorno do Espectro Autista (TEA).

A inscrición a esta xornada, que se desenvolverá en horario de 10 a 14h, pode realizarse enviando o formulario adxunto ao correo electrónico cermi.galicia@once.es.

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > CERMI Galicia