Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

Xornadas de respiro para persoas usuarias e persoas coidadoras nas asociacións de DCA

Estas actividades de respiro forman parte do convenio que FEGADACE asinou coa Consellería de Política Social

25/11/2019 | Galicia

As asociacións que forman parte da federación organizaron nos últimos meses actividades de ocio de fin  de semana dirixidas por unha parte ás persoas usuarias e ás súas familias, e por outra banda ás persoas coidadoras. Estas actividades, previstas no convenio que FEGADACE asinou coa Consellería de Política Social para o ano 2019, teñen como obxectivo principal contribuir á mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias.
 

Sesión de Spa en Adace Lugo

Trala organización da actividade dirixida ás persoas usuarias e as súas familias o pasado mes de xuño, a asociación lucense realizou o pasado 9 de novembro a xornada de respiro para as persoas coidadores. Nesta ocasión, acudiron ao Balneario Hotel Spa Attica21, situado no concello de Vilalba, onde gozaron dun circuito de spa Villaba. A continuación, as persoas coidadoras que acudiron a esta actividade remataron esta xornada de ocio cun xuntar no restaurante Carlos da mesma localidade.
 

Visitas a Ferrol e Mugardo e sesión nun balneario en Adaceco

Pola súa banda, no mes de setembro Adaceco desenvolveu as dúas actividades previstas no convenio para a asociación coruñesa. Así, doce persoas usuarias da entidades puideron gozar dunha excursión á zona de Ferrol e Mugardos. A primeira parada foi na cidade naval, onde grazas ao guía de FerTur, as persoas asistentes recibiron unha visita guiada polo Barrio da Magdalena e polo Arsenal Militar.

A xornada continuou cun paseo polo porto da vila de Mugardos e, tralo xantar, as persoas usuarias de Adaceco acudiron ao Centro de Interpretación de Caldoval,  onde se pon en valor o xacemento romano descuberto na enseada de Santa Lucía. Durante esta visita, os asistentes realizaron o obradoiro 'Perfumos do César', onde se recreou a maneira de facer os aceites esenciais na antiga Roma.

Así mesmo, dez persoas coidadoras da asociación aproveitaron esta xornada para realizar a súa xornada de respiro, que tivo como destino o Hotel Balneario de Brión. Neste establecemento as persoas asistentes gozaron dun circuito de tres horas polas instalacións termais que ofrece o hotel. Despois do xantar, que se realizou no restaurante do balneario, as persoas coidadoras tiveron unhas horas de tempo libre para pasear e coñecer a vila de Brión.

 

As persoas usuarias de Alento visitaron Allariz


A asociación de Vigo levou 10 usuarios e usuarias ata a vila de Allariz, dentro do programa de respiro. A primeira parada desta visita foi na Asociación Andrea, entidade onde puideron realizar unha terapia asistida con burros, ademais de coñecer as instalacións e as actividades que fai a asociación relacionadas coas terapias con animais.

Tras o xantar, as persoas usuarias de Alento puideron coñecer a historia da vila de Allariz cun paseo polo seu casco vello e coñecer de primeira man o oficio dos artesáns que traballan co coiro. A xornada rematou cun achegamento á historia do xoguete a través dunha visita ao Museo Galego do Xoguete, situado na mesma vila.
 

Xornada de balneario para as persoas coidadores de Renacer

O pasado catro de outubro, seis persoas coidadores de persoas usuarias de Renacer gozaron da súa xornada de respiro cunha visita ao Balneario de Caldas de Partovia, no concello do Carballiño. Durante varias horas, os asistentes disfrutaron dos tratameentos especializados que ofrece o establecemento: Hidroterapia; Programa de Chocoterapia; Piscina dinámica; Canle de fleboterapia; ou Ducha Magna. A actividade rematou cunha merenda nas instalacións do balneario.  

 

Sarela organizou unha visita cultural e unha sesión de balneario

Por último,  Sarela organizou no mes de setembro a xornada adicada para 14 persoas usuarias da asociación. O destino deste día foi a cidade da Coruña, concretamente o museo da Domus. As persoas usuarias puideron participar en diferentes actividades interactivas sobre a o ser humano, como a nutrición, o funcionamento do cerebro ou aspectos da xenética. A xornada rematou cun xantar tipo 'picinic' nun espazo previamente reservado polo propio museo nas súas instalacións.

Para rematar estas actividades, a asociación compostelá organizou unha xornada de balneario para as persoas coidadoras no mes de outubro. O lugar elixido foi o Hotel Balneario Compostela, situado no concello de Brión, onde as persoas que asistiron puideron relaxarse cun circuito termal de tres horas. Esta actividade ofreceulles un espazo de autocoidado onde poder realizar unha actividade fóra do coidado do seu familiar e compartir tempo con outras persoas, favorecendo así a creación dunha rede de apoio entre elas.

As actividades realizadas nestes meses polas cinco asociacións foron valoradas de maneira moi positiva tanto polas persoas usuarias e as súas familias, como polas persoas coidadoras.

 



 

 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Accesibilidade e TIC