Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 07/10/2020 | Fragmento do cartel das Xornadas sobre o Dano Cerebral

Xornadas sobre o DCA en streaming: 21 e 28 de outubro e 4 de novembro

FEGADACE analiza a situación actual e retos inmediatos do modelo de atención sociosanitaria ao dano cerebral.

07/10/2020 | Online

A pandemia da COVID-19 obrigou a FEGADACE a converter a súa habitual Xornada sobre o Dano Cerebral nun ciclo de tres Xornadas sobre o Dano Cerebral Adquirido que terán lugar nas tardes dos mércores 21 e 28 de outubro e 4 de novembro. Para garantir a seguridade de todas as persoas participantes e asistentes, as Xornadas organízanse de maneira virtual e retransmitiranse en streaming. A inscrición está xa aberta.

Outra novidade é a implicación da SOGARMEF (Sociedade Galega de Medicina Física e Rehabilitación) na organización das dúas primeiras xornadas. O colectivo médico rehabilitador xoga un papel fundamental nas fases aguda e subaguda do dano cerebral, ao determinar as necesidades de recuperación nos primeiros momentos do dano, cando a persoa aínda está hospitalizada. Por iso, a colaboración de SOGARMEF e FEGADACE nace con un obxectivo fundamental, que se prevé tome forma coa elaboración dunha  folla de ruta conxunta, ao final das xornadas, que axude a reforzar, perante as consellerías de Sanidade e Política Social, a necesidade urxente de artellar unha das principais demandas do colectivo: un Plan Asistencial Integrado de Atención ao Dano Cerebral en Galicia, que garanta a calidade na atención sociosanitaria a esta discapacidade desde o inicio e durante todo o ciclo vital da persoa.

As Xornadas propoñen unha revisión sobre ‘O dano cerebral e o modelo de atención sociosanitaria. Situación actual e retos inmediatos’. Contarase con profesionais que exercen actualmente nas dúas áreas, social e sanitaria, do sistema de tratamento e acollida ás persoas con dano cerebral adquirido, que debaterán, os tres días, de 16:30 a 18:30.

21 de outubro: fases aguda e subaguda

A primeira xornada (21 de outubro) vaise centrar na ‘Situación actual e retos inmediatos do modelo de atención sociosanitaria ao dano cerebral nas fases aguda e subaguda en Galicia’. Estas dúas fases desenvólvense maioritariamente no marco dos servizos de saúde, desde que a persoa entra pola porta de Urxencias do hospital -habitualmente cun ictus ou un traumatismo cranioencefálico- ata que se determinan e poñen en marcha as súas necesidades de tratamento e rehabilitación.

Trala presentación dos presidentes das entidades organizadoras, SOGARMEF (Jacobo Formigo Couceiro) e FEGADACE (Luciano Fernández Pintor), debaterán sobre a situación presente Juan Ollarves, médico do servizo de Urxencias do HULA; José María Prieto, xefe de Neuroloxía do CHUS; Teresa Jorge, xefa de Medicina Física e Rehabilitación do CHOP; e Miguel Anxo García, psicólogo clínico no CHUS.

28 de outubro: fases subaguda e crónica

O 28 de outubro o tema será a ‘Situación actual e retos inmediatos do modelo de atención sociosanitaria ao dano cerebral nas fases subaguda e crónica en Galicia’. Nestas fases o dano cerebral xa forma parte da vida da persoa, que terá que continuar coa súa rehabilitación para recuperar capacidades e/ou para frear o seu deterioro.

Falarase do prognóstico, preparación para a alta hospitalaria e dimensión social desta discapacidade con Rosa María Martín, médica rehabilitadora do CHUAC; Lourdes Bermello, enfermeira na unidade de Neuroloxía do HULA; Rocío García, psicóloga/neuropsicóloga e directora de Sarela; Iria Abel, traballadora social e directora de ADACE Lugo; e Eva Iglesias, directora da residencia de Alento.

A xornada vai estar presentada e introducida por Jesús Figueroa, vicepresidente da SOGARMEF, e Begoña Hermida, directora da FEGADACE.

4 de novembro: unha comparación a nivel estatal

A última xornada, o día 4 de novembro, revisará ‘O modelo de atención sociosanitaria ao dano cerebral en España: unha comparación entre o nivel estatal e os autonómicos’. Contarase con referentes de distintas procedencias e ámbitos de traballo, sempre dentro do público: a directora do Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral, Inmaculada Gómez; o director do Centro de Promoción da Autonomía Persoal de Bergondo, Francisco Javier Nieto; o coordinador da Oficina de DCA da Comunidade Valenciana e director do Hospital La Pedrera, Jaume Morera; e coa Xefa de Sección de Coordinación Sociosanitaria do Sistema Navarro de Saúde - Osasunbidea, Montserrat de la Fuente Hurtado.

Esta xornada vai estar clausurada polo director xeral de Políticas de Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Jesús Celada Pérez, acompañado polo presidente de FEGADACE, Luciano Fernández.

A inscrición está aberta, é gratuíta, e pode tramitarse cubrindo este formulario.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Divulgación de coñecemento
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)