Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Xunta de Galicia | | Acto de sinatura da Axenda Social; a EAPN Galicia estivo representada por Eloína Ingerto (terceira pola esquerda)

Xunta, FEGAMP e Terceiro Sector asinaron a nova Axenda Social Única de Galicia

O tecido asociativo está representado pola EAPN Galicia, Cruz Vermella, Cáritas e ONCE Galicia.

04/01/2022 | Santiago

O pasado 27 de decembro asinouse en Santiago de Compostela a Axenda Social Única de Galicia. FEGADACE e as asociacións de dano cerebral estiveron representadas pola EAPN Galicia, da que recollemos a información que resume o acto e os contidos do documento:
 
Dende a Rede Europea contra a Pobreza (EAPN-Galicia) valoramos positivamente a posta en marcha inmediata da Axenda Social Única de Galicia 2021-2024, asinada hoxe conxuntamente pola Xunta de Galicia, FEGAMP, EAPN Galicia, Cruz Vermella Galicia, Cáritas Diocesana Galicia e ONCE Galicia.
 
 
A nova Axenda Social Única preséntase tras case dous anos de intenso traballo, diálogo e incidencia política e recolle medidas que dende EAPN se consideran imprescindibles. Avanza tamén no cumprimento do mandato do Parlamento de Galicia cando de xeito unánime no Día Internacional para a Erradicación da Pobreza do 2020 afirmou que “Sabemos que esta lexislatura comeza cunha emerxencia sanitaria e social que empobrecerá a milleiros de galegas e galegos se non hai un compromiso político e orzamentario da Xunta de Galicia e dos concellos e deputacións”.
 
A Axenda xurde tamén ante a evidencia do aumento da pobreza e a exclusión social en Galicia, motivada pola pandemia e a falla de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible. A poboación galega máis vulnerable xa se atopaba nunha situación de fraxilidade en termos económicos antes da pandemia, en especial mulleres, mozas mozos, nenos e nenas. 253.000 persoas, o 9,4% da poboación, vivía no 2020 na pobreza severa.

4 “C” contra a pobreza e a exclusión social

Fronte a esta emerxencia, a nova Axenda cremos que avanza no cumprimento dos catro principios que demandabamos xa na anterior Axenda no 2016 para poder reducir cunha mínima esperanza as taxas de pobreza e exclusión no conxunto do estado e en Galicia. As chamadas “4 c”:
 
  • Loita contra as Causas da pobreza e a exclusión social. Lonxe de calquera asistencialismo no que non se respete a dignidade das persoas ou da burocratización extrema que as culpabiliza.
  • Compromiso político (orzamentos e planificación a medio e longo prazo).
  • Coordinación entre administracións e dentro de cada unha delas.
  • Dialogo Civil no que se recoñece as organizacións do terceiro sector de acción social como actores imprescindibles do sistema de servizos sociais.

Enfoque de dereitos

Na Axenda se recollen medidas e compromisos propostos e argumentados grazas ao traballo en rede das 130 entidades membro de EAPN Galicia. Algunhas pioneiras no conxunto do estado, como a educación universal e de balde para nenos e nenas de 0 a 3 anos, a Tarxeta Básica ou o programa Posta a Punto para o Emprego para a inserción sociolaboral.
 
Aparecen tamén medidas concretas que se prantexaron na protección de familias monoparentais, atención temperá, saúde mental, soedade non desexada, Plan Renove de electrodomésticos ou no reforzo dos Servizos sociais Comunitarios.
 
Tamén na loita contra a fenda dixital, a exclusión bancaria e financeira ou violencia de xénero. O programa de acompañemento as, ata agora invisibilizadas, mulleres en situación de senfogarismo é un exemplo.
 
No eido da inclusión residencial cremos destacable o compromiso, das primeiras novas 100 vivendas novas para a atención de persoas sen fogar. E compre salientar a inclusión na medida 4.2 o compromiso dun plan piloto para afrontar por fin a urxente erradicación do chabolismo e a infravivenda en Galicia.
 
Na loita contra a burocratización, o asistencialismo e a aporofobia tamén se recollen propostas, ademais de en medidas xa citadas como a Tarxeta Básica, noutras como a urxente modificación da Lei de Inclusión Social para adaptar RISGA e AIS ao Ingreso Mínimo Vital, o desenvolvemento do modelo Inclúe para a inclusión de persoas en exclusión social severa, a simplificación drástica do acceso á dependencia e discapacidade, ou a avaliación da rede de servizos sociais comunitarios.
 
Na Axenda e neste acto se fai tamén un recoñecemento explícito ás entidades do Terceiro Sector Social como actor imprescindible do sistema de servizos sociais galego. Dende o impulso á Lei do Terceiro Sector de Galicia ata medidas que avanzan na necesidade da súa protección e financiamento estable asociado á consecución de resultados e non á burocratización extrema.

Queda moito por facer. Emerxencia vivenda

Nos vindeiros meses seguiremos a facer un seguimento exhaustivo do cumprimento das medidas e da Axenda (axudará bastante o completo detalle de indicadores como se reclamou). De buscar nos diferentes grupos de traballo que a palabra “recomendación” dalgunhas medidas se converta en “compromiso”.
 
Pero especialmente débese asegurar nos vindeiros anos que aumenta a ambición para asegurar que dende Xunta e concellos se afronta a emerxencia de falla de vivenda digna, axeitada e accesible.

Medidas propostas por EAPN Galicia

Na axenda aparecen recollidas as seguintes demandas de EAPN Galicia:
 
A 1.3. Universalización educación 0-3
A 2.7. Programa “Posta a punto para o Emprego”
B 1.3. Plan Renove electrodomésticos fogares vulnerables
B 2.1. Axilización RISGA ata 50%
B 2.2. Axilización AIS ata 50%
B 2.3. Modificacións Lei de Inclusión RISGA para Ingreso Mínimo Vital
B 2.6. Prorroga Tarxeta Básica
B 2.7. Campaña divulgación conta bancaria básica
B 3.3. Simplificación acceso a dependencia
B 4.1. Proxecto “Na casa”, recursos residenciais estables persoas sen fogar
B 4.2. Plan piloto transformación chabolismo e/ou infravivenda
C 1.4. Enquisa a persoas usuarias dos Servizos Sociais Comunitarios
C 1.7. Actualización e implantación do Modelo Inclúe
C 3.1. Lei Terceiro Sector Social de Galicia
 
De xeito parcial recóllense as seguintes medidas:
 
A 1.4. Rexistro familias monoparentais
A 1.5. Mantemento Rede de atención temperá
A 2.4. Programas inclusión entidades (Orde DX Inclusión)
A 3.3. Prevención e atención soidade non desexada
A 4.6. Axudas para rehabilitación de vivendas
A 4.12 Medidas para evitar a exclusión financeira
A 5.1 Proxecto INC Conecta. Inclusión social telemática
A 5.2 Axudas conexión dixital a fogares vulnerables
A 5. 3 Programas alfabetización dixital (formación adaptada)
B 2.5 Anticipos AIS fogares con menores
B 2.9 Axudas municipais dos concellos como prestacions
B 3.1 Reforzo Servizo Axuda no Fogar (SAF) dependencia
B 4.3 Programa acompañamento mulleres sen fogar
B 4.5. Intermediación inmobiliaria
B 4.9. Impulso empadroamento persoas sen fogar
B 5.4. Programas tratamento da violencia de xénero
C.1.3. Incremento partida persoal e programas Plan Concertado
C 1.10. Grupo traballo estudo dos servizos sociais
C 5.1. Estudo da situación do senfogarismo en Galicia
C 5.2. Formación profesionais dos Servizos Sociais
 

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Documentos políticos